Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Preséntase a candidatura do BNG por Ourense, liderada por Noa Presas

Dela tamén forman parte o concelleiro vianés Secundino Fernández e o voceiro do BNG no Barco Suso Vilasánchez

 

A portavoz nacional e candidata do BNG, Ana Pontón, comprometíase este venres a ser a presidenta do goberno “que cumpra con Ourense” e poña en marcha o seu “inmenso potencial” para colocar a esta provincia “no lugar que lle corresponde dentro de Galiza. Xa está ben de discriminación, é hora de revitalizar e de facer valer Ourense”.

No acto de presentación da candidatura do BNG que encabeza Noa Presas, Pontón reivindicou “un trato xusto” con Ourense e amosou a súa determinación para acabar co “abandono e a incompetencia” que ten demostrado o PP nos últimos anos, creando unha Galiza mellor na que prime “a cohesión e o equilibrio territorial”. O seu propósito é quitar o freo que impide que Ourense despegue e poñer en funcionamento “un novo Ourense que aproveite todo o seu potencial”.

Convencida de que é necesario “acelerar o desenvolvemento desta parte do País”, subliñou que se os galegos e as galegas lle dan a confianza necesaria o próximo 18-F o seu goberno “estará á altura” e porá en marcha iniciativas para recuperar a actividade produtiva e reactivar a economía e o emprego en Ourense, apostando polo rural, a ciencia e a tecnoloxía e a mellora das infraestruturas.

Avanzou así o seu compromiso de crear unha mesa pola industria en Ourense co obxectivo de captar investimentos e crear novas empresas transformadoras que xeren máis valor engadido e postos de traballo en torno aos sectores produtivos da economía ourensá. No que se refire ás infraestruturas, asumiu como un dos seus obxectivos completar as conexións dos polígonos industriais de San Cibrao e Pereiro coa A-52, así como ampliar o solo industrial na provincia e, en concreto, activar o Polígono de Tamagos, en Verín.

Outra das cuestións que plantexaba era a de “dar a Ourense a sanidade pública que se merece, esa será outra das prioridades dun goberno liderado polo BNG, porque coa saúde das persoas non se xoga”, apuntou Pontón, que anunciou que unha das súas primeiras medidas á fronte da Xunta será aprobar nos primeiros cen días de mandato un plan de choque dotado con 200 millóns de euros para rescatar e reforzar a atención primaria “con máis persoal, máis medios e máis servizos”.

O plan que propón o BNG paliará os “recortes do PP na sanidade pública e permitirá que  Xinzo e O Carballiño teñan o servizo de pediatría que reclaman as familias porque”, dixo, “non pode haber nenos ou nenas de primeira e de segunda”. Un plan que fará, por exemplo, que “os centros de saúde de Montederramo ou A Mezquita conten co persoal médico suficiente e Valdeorras e Verín dispoñan do servizo de ambulancias que precisan”.

A portavoz nacional tamén avanzou algunhas das medidas do BNG para facilitar o acceso á vivenda, unha prioridade do executivo que aspira a presidir e un “dereito fundamental” que en Galiza, advertiu, “non se cumpre para unha parte moi importante da cidadanía”.

A súa proposta pasa, en primeiro termo, por desenvolver un Plan de Mobilización de vivenda baleira, mediante o que a Xunta compre vivenda e a poña a disposición dos galegos e as galegas en réxime de alugueiro, tendo en conta que nestes momentos hai 500.000 vivendas baleiras, das que 90.000 están concentradas nas grandes cidades.

En segundo lugar, e co mesmo obxectivo de mobilizar esta parte do parque residencial, Pontón avanzou tamén o impulso dunha lei para gravar cun imposto aos grandes tenedores como a banca, os fondos de investimento ou as grandes empresas que acumulan un volume moi importante de vivenda no País e que alcanza os 15.000 inmobles, segundo distintos estudos.

Esta nova taxa, que en ningún caso afectará aos propietarios particulares e que xa se aplica en distintos países europeos e noutros territorios do Estado, permitiría ademais obter 40 millóns de euros adicionais ao longo da lexislatura que o Goberno liderado polo BNG destinaría a recuperar as políticas públicas de vivenda “dinamitadas polo PP nos últimos 15 anos”.

Por último, Pontón tamén comprometeu “máis recursos” para a construción de vivenda pública, consciente, iso si, de que é unha política pública “máis a longo prazo”. Neste sentido, avanzou unha modificación legal para blindar por lei que toda a vivenda pública que se vai construír no País se dedique ao alugueiro.

Pontón dirixiuse á cidadanía ourensá para pedirlles “a oportunidade de demostrar que co BNG no goberno podemos conseguir que Ourense avance cara un futuro mellor” tras corenta anos de democracia nos que Galiza tivo seis presidentes, todos homes e todos de forzas estais que deixaron un balance na provincia de menos poboación, menos emprego, menos rural e menos actividade económica. Incidiu en que “hai partido” e que o cambio é posible se a maioría social que quere facer historia abrindo un novo tempo no País se mobiliza e acude masivamente ás urnas o 18-F da man do Bloque, a “única forza en disposición de disputarlle a Presidencia da Xunta ao PP”.

Para poñer en marcha “máis oportunidades, benestar e futuro” o BNG concorre ás eleccións do 18-F cunha candidatura encabezada por Noa Presas, á que aludiu como “unha aposta segura” e unha “voz firme na defensa dos intereses de Ourense”.  Presas aporta a súa enerxía na defensa da provincia e a experiencia adquirida no Parlamento como “unha das persoas que máis ten aportado á política galega” durante os últimos anos. “Ningún tema importante para Ourense lle foi alleo, abordounos todo desde o rigor e aportando solucións”, subliñou Pontón.

A Noa Presas acompáñaa como número dous na lista Iago Tabarés, de quen  Pontón tamén destacou tamén o seu compromiso para construír “un Ourense mellor”, unha determinación que comparte con resto do membros da candidatura, á que se incorporan persoas “de enorme valía que aportan empuxe e forzas renovadas”, como Sonia Vidal, Secundino Fernández, Elena Añel ou, entre outros, Marcos Nogueiras e o concelleiro barquense Suso Vilasánchez.

 

 

Ourense, unha provincia “decisiva para o cambio”

Noa Presas destacou a “oportunidade histórica para Galiza e, especialmente, para Ourense” se representa o 18-F e amosouse convencida de que “Ourense será unha praza decisiva” para que a partir dese día se abra un tempo novo, “cun proxecto de País no que o equilibrio territorial e a cohesión son centrais e que lle vai dar a Ourese un trato digno e medidas específicas para saír adiante”.

“Para acabar coa discriminación de Ourense e para darlle un futuro xa se demostrou que non serven nin proxectos políticos importados que están pensados desde fóra da nosa realidade nin tampouco localismos estériles, que disfrazados de amor a Ourense só serven para alimentar intereses individuais”, afirmou. “No BNG saímos a por todas. A do 18F os ourensáns e as ourensás pasaremos de ser espectadores a protagonistas do cambio galego”, agregou.

Candidatura do BNG en OURENSE

1.Noa Presas Bergantiños
Deputada do BNG no Parlamento galego na última lexislatura.
Ourense- O Carballiño
2.Iago Tabarés Pérez-Piñeiro
Deputado do BNG no Parlamento galego na última lexislatura.
Ourense- O Carballiño
3.Sonia Vidal Lamas
Gandeira. Concelleira do BNG en Xunqueira de Ambía.
Arnoia- A Limia
4.Secundino Fernández Fernández
Foi alcalde do BNG en Viana do Bolo. Enxeñeiro de Montes e técnico agrícola.
Monterrei e Viana
5.Elena Añel
Profesora de ensino secundario.
Ourense- O Carballiño
6.Marcos Nogueiras Rodríguez
Enxeñeiro Industrial. Responsábel comarcal do BNG. Concelleiro en Vilar de Santos.
Arnoia- A Limia
7.Laura Pérez Bernárdez
Estudante. Responsábel comarcal de Galiza Nova.
Celanova – Baixa Limia
8. Suso Vilasánchez Feijoo
Enfermeiro. Portavoz do BNG no Barco de Valdeorras.
Valdeorras
9.Inmaculada González Gómez
Empregada pública. Tenente de alcalde e concelleira de servizos sociais en Montederramo.
Ourense- O Carballiño
10.Xurxo Rodríguez Méndez
Técnico de calidade en viticultura. Foi alcalde do BNG en Castrelo de Miño.
O Ribeiro
11.Xaira Pena Estévez
Estudante. Responsábel local de Galiza Nova en Xinzo de Limia.
Arnoia – A Limia
12.Ramón Seoane Lacayo
Avogado.
O Ribeiro
13.Antía Pousa Pérez
Activista no movemento feminista.
Ourense- O Carballiño
14.Diego Lourenzo Moura
Graduado en Administración e Dirección de Empresas. Tenente de alcalde. Fai parte do Consello Nacional. Foi deputado no Parlamento Galego na última lexislatura.
Monterrei e Viana

Suplentes

1.Noelia Currás Rodríguez
Vice-responsábel comarcal do BNG.
Celanova- Baixa Limia
2.Marcos Paz Alonso
Profesor de ensino secundario
Ourense- O Carballiño
3.Adela Galego Rodríguez
Enfermeira xubilada.
Monterrei e Viana
4.Marcos Blanco Durán
Empregado público.
Ourense- O Carballiño
5.Roberto Quiroga López
Traballador da Administración Pública. Membro do Consello Nacional.
Valdeorras

Artigos relacionados

Back to top button