PolíticaÚltima horaVídeos

Preséntase a candidatura do PP en Trives, que encabeza Roberto González

Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Quero agradecer ao meu equipo a confianza depositada en min e no proxecto que xuntos elaboremos para o noso concello porque, se algo temos en coún é que cremos en Trives e queremos que siga crecendo, recuperando servizos e a calidade de vida que os nosos veciños se merecen”. Deste xeito iniciaba Roberto González Castro, candidato do PP á alcaldía de Trives, a súa intervención no acto no que esta tarde se presentaba a lista coa que o este partido se presentará ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.

 

 

Aseguraba que, despois de 16 anos en política, asume a “responsabilidade” de encabezar esta lista coa “mesma ilusión e humildade que o primeiro día. Teño o orgullo e a enorme oportunidade de presentarme como candidato á alcaldía de Trives”. Este empresario comentaba tamén que para el o “Concello será a miña segunda empresa porque me acompañará un gran equipo, cheo de ganas, esforzo, optimismo e ilusión e, sobre todo, de compromiso, disposto a facer unha gran aposta pola nosa terra. Un equipo formado por veciños do noso concello, persoas que aportan pensamentos renovadores e novas formas de entender a política, con moitas ganas de traballar”.

 

 

Ademais de presentar a candidatura, Roberto González daba a coñecer algúns dos puntos do seu programa, que cualificaba de “realista e próximo á poboación”. Adiantaba que, de acceder á alcaldía, “faremos políticas que impulsen o crecemento xusto e económico, tanto a vila como das aldeas, cun impulso á creación de emprego, queremos que Trives prospere e manteña a súa poboación e tenderémoslle unha man aos xoves”.

 

 

Así mesmo afirmaba que “loitaremos pola sanidade que merecemos, conservaremos o patrimonio cultural do concello” e incidía na aposta polo turismo, coa elaboración dun plan director de estruturación do turismo, “unha das nosas principais fontes de ingresos”, e “crearemos un polígono industrial en Trives”. Tamén mencionaba a humanización do cemiterio municipal e posta en marcha de polígonos agrarios, así como a introdución de melloras “na xestión e infraestruturas da residencia de anciáns e loitaremos pola creación dun Centro de Día”. E adiantaba que promoverán “programas orientados á xuventude”.

 

 

Nesta presentación o candidato estaba acompañado polo presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, e polo delegado da Xunta na provincia, Gabriel Alén, quen reforzaba ao equipo do candidato e a oportunidade que supón para cambiar Trives.

 

 

De xeito similar se manfiestaba Manuel Baltar ao apuntar que “as administracións funcionan porque hai un proxecto sólido e porque a xente cede a súa confianza a un grupo como este e teño que felicitar a Roberto pola selección que fixo do seu equipo, e xente tan ilusionada como Roberto, que sabe como ilusionar á xente. El é unha persoa nobre e sabe o que necesita Trives”. Ademais Baltar indicaba que esta candidatura, “cunha media de idade moi nova, vai facer de Trives un concello dinámico, que non esmoreza”.

Entre os asistentes ao acto había alcaldes e concelleiros do PP de concellos veciños.

 

 

 

CANDIDATURA DO PP EN TRIVES

1. Roberto González Castro
2. Luis Berardo Araujo Rodríguez
3. Albino Rodríguez Fernández
4. Francisco Vázquez Domínguez
5. Leticia Vega Codesido
6. Simón Rodríguez Domínguez
7. Pedro Basteiro Carballo
8. Alejandro Álvarez Vázquez
9. Cristina Álvarez Rodríguez
10. Sergio Gómez García
11. Carlos Castro Gomez
12. María Dolores Pérez Alonso
13. María Amparo Villarino Castro
14. María Gabriela Gosen Osuna
15. Marcos Martínez Toro

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button