CulturaCulturaÚltima hora

Preséntase en Santiago o dicionario da fala valdeorresa promovido pola Fundación FDG

O glosario xa inclúe preto de duascentas entradas e dende a Xunta valoran extender a iniciativa a outras comarcas pola súa potencialidade, que tamén foi destacada pola presidenta do Consello da Cultura Galega

 

O dicionario da fala valdeorresa que está a crear a Fundación Florencio Delgado Gurriarán é un exemplo que podería extenderse a outras comarcas de Galicia. É unha das conclusións ás que se chegou durante a súa presentación, pasado venres 31 de outubro na Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Tal como explican dende a Fundación, foi unha axuda deste departamento a que permitiu poñer en marcha a aplicación web coa que se está a nutrir o dicionario e que foi presentada polo seu responsable, Valentín García, acompañado de Débora Álvarez Moldes, xerente da Fundación FDG, e máis Margarida Pizcueta, membro da súa Comisión de Lingua e concelleira de Cultura do Barco.

A iniciativa lanzouse nunhas Xornadas da Lingua en Valdeorras no pasado mes de marzo e xa ten “case duascentas palabras”, din dende a Fundación, destacando que “Valentín García amosouse moi satisfeito coa ferramenta e o que supón para o recoñecemento social do galego, ademais de ser un importante traballo de investigación filolóxica”.

 

 

O dicionario está dispoñible dende a web florenciodelgadogurriaran.gal e coa url directa dicionario.florenciodelgadogurriaran.gal. Trátase dunha plataforma web moi intuituiva que facilita que calquera persoa faga as súas aportacións de léxico da comarca. A páxina inclúe un apartado de termos e outro de refráns, para recoller tanto as palabras como os ditos populares tamén moi representativos da idiosincrasia valdeorresa. Tamén dedica un espazo a artigos de divulgación sobre a lingua, no que se inclúen textos de Xabier Roo Abril, Noelia Estévez Rionegro e Sara Rodríguez Fernández, quen xunto a Elva Delgado, Manolo Agra, Toni Rodríguez, Margarida Pizcueta e Débora Álvarez integran a Comisión de Lingua que analiza os termos aportados e a súa inclusión do dicionario.

Actualmente na web xa se poden atopar preto de douscentos termos, a maioría deles aportados pola veciñanza. Unha vez subidos son publicados identificados como palabras en revisión. É despois cando a Comisión de Lingua os analiza, busca referentes nos diferentes dicionarios e atlas lingüísticos e decide se aceptalo como variante da fala valdeorresa. Se é así queda incorporado ao glosario. Se non aparecera ningunha referencia búscase confimar a súa existencia e uso con polo menos outra fonte directa, para descartar que se trate dun vulgarismo. Se a palabra é descartada déixase na web coa explicación oportuna, para difundir ese coñecemento.

 

 

Reunión coa presidenta do Consello da Cultura Galega

A creación deste dicionario de valdeorrés era unha tarefa pendente dende o 2022, ano das Letras Galegas de Florencio, cando Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, destacara na súa visita a Valdeorras a necesidade de contar cun glosario propio da comarca. O pasado venres, Álvarez puido coñecer de primeira man os avances, nunha reunión na que recibiu ás representantes da Fundación FDG no seu despacho do Consello da Cultura Galega en Santiago.

Nese encontro, “lembrou a súa propia experiencia recollendo léxico en Valdeorras nos anos 70 e contrastou a metodoloxía do dicionario co do proxecto Tesouro do Léxico Patrimonial Galego e Portugués que puxo en marcha o Instituto da Lingua Galega”, aseguran dende a Fundación, destacando o feito de que Álvarez, quen é asesora do proxecto dende o seu inicio, “felicitounos pola iniciativa e animounos a recurrir tanto ao ILG como ao Instituto Ramón Piñeiro e á Real Academia Galega para acceder a ferramentas e recursos que faciliten o traballo da Comisión”.

 

Back to top button