Os alcaldes de Castro Caldelas e de Mondeterramo, Sara Inés Vega e Óscar Diéguez, respectivamente, veñen de presentar o Programa “Mulleres Caldelás” que solicitaron e que lle foi concedido conxuntamente pola Consellería de Emprego e Igualdade e o Fondo Social Europeo.
Este programa consta de asistencia psicolóxica e xurídica gratuíta, personalizada, presencial o online, con profesionais especializadas en psicoloxía e dereito con perspectiva de xénero. Ás consultas poderán acudir mulleres e outras persoas que delas dependan. Este venres, día 7 de xuño, dará comezo con cita previa.
“Outra parte consta de cursos de formación en igualdade e autoestima, absolutamente imprescindibles para coñecer a historia das mulleres, recoñecer os dereitos e así poder reclamalos. Haberá tamén cursos para fomentar as habilidades e competencias laboráis, personais e profesionais das mulleres, co fin de elaborar itinerarios profesionais e formación en empoderamento, que culminará cunhas xornadas adicadas ás mulleres traballadoras no sector da gandeiría e viticultura que xunto co turismo son punteiros na zona e nos que traballan a maioría das mulleres dende sempre aínda que poucas ostentan a titulariadade dos negocios ou explotación”, explican os promotores da iniciativa.
Ofrecerase, ademais, unha escola de benestar na que se tratarán temas como a alimentación sanadora, os autocoidados, a concentración, a menopausia… todo co fin de mellorar a vida das mulleres e nenas dos dous concellos. As actividades distribuiranse no tempo ata o 30 de setembro e darase conta das mesmas nas RRSS, Web dos Concellos e nas reunións que se vaian mantendo.

