A Igrexa de San Pedro de Bembibre (Taboada) acollía esta tarde a presentación do programa piloto de visitas a igrexas románicas da parte lucense, unha aposta conxunta na que colaboran o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e a Diócese de Lugo. O acto abríase coa intervención do párroco de San Pedro de Bembibre, Alejandro Asorey, quen daba a benvida e amosaba “o orgullo dos feligreses da parroquia e do conxunto do concello por ter unha das súas igrexas dentro desta programación”.
Nesa mesma liña interviña o alcalde de Taboada, Roi Rigueira Agromartín, que agradecía á Diocese e ao Consorcio a súa implicación, neste e noutros moitos proxectos. E destacaba que “o peso do románico no municipio é de tal importancia que traballarán dende a corporación por seguir ampliando a incorporación de igrexas ao programa”.
Pola súa banda, a xefa provincial de Turismo, Paloma Vázquez, que acudía en representación do director de Turismo de Galicia, amosábase esperanzada en que o programa piloto sexa “moito máis que unha proba” e que se consolide como un modelo para levar a outras zonas. “Ribeira Sacra é un exemplo de xestión de proxectos”. Dende a Axencia Turismo de Galicia coordínanse diferentes Plans de Sostibilidade que resultan que non reseultarían eficiencientes se non se concretan en accións realistas e deseñadas por e para o territorio.
No acto tamén tomaba a palabra o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, quen aseguraba que “é unha honra presentar hoxe un proxecto que supón un paso firme no noso compromiso coa posta en valor do patrimonio cultural da Ribeira Sacra. Trátase do programa piloto de apertura de igrexas románicas na provincia de Lugo, unha iniciativa que nace do diálogo, da colaboración e do respecto polo noso legado histórico e espiritual, e que agradecemos enormemente á Diócese de Lugo hoxe represenatada por José Antonio Ferreiro, delegado episcopal de Liturxia e Patrimonio Cultural e por Jesús Salvador, director do Departamento de Patrimonio Cultural”.
Fernández Guitán lembraba que “a Ribeira Sacra posúe a maior concentración de románico rural de Europa. Moitos destes templos permaneceron pechados ou con acceso moi limitado durante anos, pola súa localización dispersa e pola redución progresiva do culto. Hoxe damos un paso decidido para reverter esta situación, facilitando o acceso a estas xoias arquitectónicas e ofrecendo ás persoas que nos visitan unha experiencia única e enriquecedora”.

Este programa, que se financia a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, financiado por la Unión Europea-NextGeneration UE), coa participación da Secretaría de stado de Turismo e da Xunta de Galicia, é “tamén unha aposta por un turismo cultural sostible, que sexa respectuoso co medio e co carácter sagrado destes espazos”, concluía o presidente do consorcio.
Pechaba o acto o delegado Episcopal, quen presentaba o programa como resultado dos esforzos compartidos e da permanente iniciativa do consorcio que ten amosado a súa competencia noutros moitos proxectos aplicados na Ribeira Sacra. Tamén expresaba o seu agradecemento aos concellos das igrexas que forman parte do conxunto das visitas, e “especialmente aos feligreses e párrocos que coidan con amor e sacrificio un partrimonio moi amplo que se mantén en pé, en grande parte, grazas a eles”.
Así mesmo, facía un breve repaso doutros proxectos polos que se aposta dende a Diócese de Lugo como a apertura de igrexas románicas no Camiño de Inverno, ao que incorporarán proximamente, ao Saviñao; os labores de catalogación que veñen de facer para as igrexas do programa e outras moitas; traballos de estudo e investigación que contribúen á posta en valor dos templos; e os convenios de colaboración con empresas do ámbiro cultural e turístico ás que lles recoñecen tamén unha destacada labor de promoción.
A data de inicio do proxecto será o sábado 12 de abril e estenderase ata mediados do mes setembro con aperturas semanais as igrexas de San Pedro de Bembibre (Taboada), San Xoan da Cova (Carballedo), San Miguel de Eiré e San Vicente de Pombeiro (Pantón), San Xillao de Lobios e San Vicente de Pinol (Sober), Santa María de Nogueira de Miño (Chantada) e Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao).
Fotos cedidas.
Máis información e reserva de prazas
https://turismo.ribeirasacra.org/es/noticias/prueba-piloto-apertura-de-iglesias