ConcellosEn portadaQuirogaRibas de SilÚltima hora

Preséntase un proxecto para crear en Quiroga a maior ponte colgante de España

O acto, no que se explicaban as características do proxecto, enchía esta tarde a Casa da Cultura desta localidade

 

O proxecto para crear en Quiroga, preto do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós, a ponte colgante máis grande de España presentábase na tarde deste 22 de marzo na Casa de Cultura da vila ante numerosas persoas e baixo o lema “Xuntxs pola ponte”. Detrás desta iniciativa están asociacións, en colaboración co Concello de Quiroga, coa idea de dinamizar o territorio e a economía local a través dunha infraestrutura que sirva de elemento tractor para atraer visitantes a esta zona do Xeoparque Mundial Montañas do Courel.

 

 

O acto abríase coa intervención de representantes do Concello de Quiroga, entre eles o seu alcalde, José Luis Rivera, cunha breve presentación da iniciativa. Despois tomaba a palabra o presidente do Xeoparque Montañas do Courel e alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, quen explicaba a orixe da iniciativa e comentaba que actualmente este xeoparque “non ten capacidade normativa, nós non temos competencias para restrinxir, permitir ou prohibir ningunha actuación. Un territorio non ten nin máis nin menos impedimentos que os legais polo feito de ser Xeoparque. Non obstante, a Unesco encoméndanos que traballemos pola súa conservación, o mantemento e o coidado dos espazos naturais, pero somos conscientes de que os que establecerán se se pode levar a cabo ou non a obra serán os ditames das diferentes administracións en aplicación da lexislación vixente”.

 

 

Castro apuntaba que este proxecto podería atraer moitos máis visitantes ao miradoiro de Campodola e tamén apuntaba que, “segundo a proposta do estudo preliminar realizado pola Universidade da Coruña, pola tipoloxía construtiva da ponte a base de cables de aceiro, podemos intuír que o impacto visual non sería excesivamente agresivo a falta dos informes requeridos pola lexislación vixente”. E recoñecía que, inicialmente, o impacto na flora e na fauna podería ser relativamente menor, tendo en conta a zona na que se ubicaría.

Porén, como conclusión, indicaba que, “aínda sendo dificil manifestarse radicalmente a favor ou en contra, temos dúbidas razoables sobre a súa conveniencia ou beneficio, e pensamos que este é tamén o sentir de boa parte da poboación local”. Ao mesmo tempo, no contexto actual de desenvolvemento dos proxectos do xeoparque, o seu presidente recoñecía que “non se pode descartar de entrada ningunha iniciativa que nos permita seguir mantendo a esperanza de saír adiante e ter no noso territorio un futuro mellor, confiamos en que as administracións nos apoien”.

 

 

A continuación dábase paso a diferentes intervencións, entre elas a do concelleiro de Turismo de Quiroga, quen comentaba as implicacións turísticas que para a zona podería supor esta ponte; a do vicepresidente de Prorural Galicia, Juan L. Vázquez, que se refería aos pasos dados con relación a esta iniciativa e ao estado da mesma, así como ás dos representantes do grupo de Mecánica de Estruturas da Escola Técnica Superior da Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña, que presentaban o deseño, á do responsable da empresa que podería levar a cabo o proxecto, SPC Ingenería.

 

 

Segundo estas primeiras informacións, a ponte situaríase a unha altura de entre 100 e 150 metros e mediría de 500 a 700 metros de punta a punta, entrando na clasificación dos máis longos do mundo. Busca converterse nun dos atractivos turísticos lucenses, galegos e españois.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button