Batendo un novo récord malia as altas temperaturas, centos de nadadores participaban o 4 de agosto na Travesía “A Heroica” celebrada na localidade soberina de Doade (Lugo). Unha carreira a nado polo río Sil que xuntou en plena Ribeira Sacra un sinfín de deportistas destacados nas súas disciplinas. Foi o caso de Gaspar Andrade Budiño ou Rebeca Santos Arriaga, dous campións de España que vencían na categoría raíña, a de 10.000 metros.
E xunto a eles estaban tamén dous deportistas valdeorreses, membros do Club Natación Adas que participaron na proba de 5.000 metros, na categoría máster B: Eloy Jesús Rodríguez López que facía un tempo de 2:11:15 e Benito Quiñones García, cun tempo de 1:58:53.
En Doade tamén se deu cita Javier Gómez Noya, o triatleta ferrolán, toda unha lenda a nivel internacional, así como nadadores do club Torrijos del Bierzo (Luis Prieto e o seu fillo).
Fotos cedidas.