
A partir de mañá, mércores 19 de marzo, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso, segundo vén de infomar a Xunta de Galicia. Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir do mércores. Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos.
A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.