Sen categorizar

Proxecto de posta en valor dos relicarios dos “Santos Nove Bispos da Ingrexa de Santo Estevo (Nogueira de Ramuín)

Preténdese realizar un mecanismo móbil que permita volver colocar os relicarios no seu lugar orixinal pero que estes poidan desprazarse para permitir a visión das pinturas que se atopan na parede

 

En Nogueira de Ramuín asinábase esta mañá un convenio valorado en 50.000 euros para desenvolver un proxecto de mecanización de apertura dos armarios relicarios do “Santos Nove Bispos” da igrexa de Santo Estevo (Nogueira de Ramuín). O acordo vén de ser subscrito esta mañá neste municipio galego por monseñor Leonardo Lemos Montanet, bispo da Diócese de Ourense, e o presidente da Fundación Iberdrola España, Fernando García Sánchez.

No momento da restauración dos relicarios da igrexa, descubriuse un excepcional conxunto de pinturas murais tardogóticas (século XV) ao realizar unhas catas na cal que recubría a parede. E agora con este proxecto búscase a realización dun mecanismo móbil que permita volver colocar os relicarios no seu lugar orixinal pero que estes poidan desprazarse para permitir a visión das pinturas que se atopan na parede.

O proxecto constará, entre outras accións, da instalación dun sistema de eixos articulados cunha estrutura metálica sobre a que se colocarán os relicarios e a realización de planos 3D e deseños cinemáticos para unha solución técnica óptima.

Esta nova iniciativa, que contará cun investimento de 50.000 euros, “é unha mostra máis do compromiso de Iberdrola con Galicia e do seu propósito permanente de promover o valor social da cultura e conservación do patrimonio histórico-artístico da rexión”, destacan dende a Fundación Ibedrola.

 

 

Igrexa Parroquial de Santo Estevo de Ribas de Sil

O Mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil é un conxunto monástico xa en desuso, situado na parroquia do mesmo nome do municipio ourensán de Nogueira de Ramuín, na comarca da Ribeira Sacra en Galicia. Na actualidade está convertido en Parador de Turismo.

Na fachada do enorme cenobio hai un brasón labrado en granito que representa nove mitras. Son as correspondentes aos nove bispos que viviron en torno ao século X e pasaron os seus últimos anos retirados en Santo Estevo e que se veneran como santos o 26 de xaneiro, aínda que non están canonizados formalmente. A fama dos prodixios sobrenaturais dos nove relixiosos e os seus aneis atraían moitos peregrinos e tamén xenerosos donativos que contribuíron a engrandecer e embelecer o mosteiro que logo pasou a mans dos benedictinos. Xa no século XV os seus restos trasladáronse a dúas arquetas douradas que flanquean desde entón o altar maior da igrexa.

En decembro de 2020, durante a restauración dun dos relicarios, apareceu unha pequena bolsa de seda con catro aneis e unha nota que avisa desde tempos pretéritos da ausencia dos outros cinco.

Artigos relacionados

Back to top button