En portadaÚltima hora

Proxecto para reactivar a actividade agrogandeira na Veiga

O delegado do Goberno en Galicia visitaba esta mañá este municipio valdeorrés

 

O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiará con case un millón de euros (986.747€) seis proxectos públicos innovadores para combater o despoboamento a través da mellora da actividade económica e dos recursos á poboación dos concellos do rural. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacaba esta mañá na Veiga como os gobernos locais dos pequenos municipios e as deputacións están a aproveitar a oportunidade do Plan de Recuperación para poñer en marcha iniciativas públicas que buscan mellorar as condicións de vida e de traballo nestes municipios, que teñen a consideración de “concellos de reto demográfico”.

José Miñones sinalaba que o Concello da Veiga promovía un dos proxectos seleccionados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) na convocatoria nacional de axudas a proxectos innovadores de transformación territorial en zonas con problemas de despoboamento.

O Goberno resolveu hai dúas semanas esta convocatoria, financiada polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e nela incluíu 13 axudas a entidades locais galegas, por un total de 2,3 millóns de euros. Ourense é a provincia galega que lidera esta convocatoria, tanto en número de proxectos como en importe. Recibe 986.747 euros para financiar 6 proxectos, 5 deles promovidos por concellos (A Veiga, O Irixo, San Xoán de Río, Parada de Sil e Carballeda de Avia), e un, impulsado polo INORDE, dependente da Deputación de Ourense.

Actividade agrogandeira

O delegado coñeceu da man do alcalde da Veiga, Juan Anta, o proxecto que financiará o Ministerio para a Transición Ecolóxica con 274.840 euros e que se centra na reactivación da actividade agrogandeira no Concello. O seu obxectivo é axudar ao mantemento da poboación actual e atraer novos poboadores e crear unha estrutura asociativa e participativa entre o sector público e o sector privado (produtores primarios).

O proxecto consta de dúas partes diferenciadas: a primeira céntrase no autoabastecemento das explotacións agrícolas coa recuperación de leiras para a produción de cereal e forraxe (unhas 200 hectáreas recuperadas en rotación durante a vixencia do proxecto). A segunda parte é a posta en marcha dun Centro de Iniciativas Municipais para a comercialización directa dos produtos cárnicos e elaborados con produtos locais.

Jose Miñones enmarcou este este programa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na aposta do Goberno polo municipalismo e pola continua colaboración cos concellos, “porque entendemos que o reto demográfico é un desafío de todos”.

Un compromiso que se amosa tamén con investimentos. O delegado do Goberno apuntou que os investimentos comprometidos polo Goberno de Pedro Sánchez na Veiga superan os 750.000 euros para eficiencia enerxética, reto demográfico e acceso a internet.

 

 

Dentro destes investimentos destacan os 471.206 euros aportados polo IDAE (organismo do Ministerio para a Transición Ecolóxica) e que permitiron ao Concello da Veiga renovar integramente o alumeado público municipal, para facelo máis eficiente e posibilitar un importante aforro na factura.

A cooperación cos concellos tamén se materializa no programa Programa ÚNICO Banda Ancha, xestionado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. A última convocatoria deste programa de dotación de internet de alta velocidade (2022) inclúe achegar este servizo a 1.393 empresas e vivendas da Veiga que nestes momentos carecen deste acceso.

Artigos relacionados

Back to top button