ConcellosFolgoso de CaurelQuirogaRibas de SilÚltima hora

Proxecto piloto do GDR Ribeira Sacra Courel para impulsar a imaxe de marca e o packaging das pemes agroalimentarias

 

A crise sanitaria derivada da pandemia poñía de manifesto xa dende marzo puxo a fraxilidade dos mercados e as carencias que teñen os pequenos produtores a hora de afrontar os novos retos económicos e empresariais que se presentan. Ademais ten mudado de forma moi rápida os hábitos de consumo, cun aumento dun 55% no comercio electrónico duranto o confinamento.

Buscando afrontar esta nova situación dende o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra Courel vén de poñerse en marcha un proxecto piloto para impulsar o establecemento dunha imaxe de marca actual e competitiva nas Pemes (pequenas e medianas empresas) agroalimentarias do territorio.

“Estes novos mercados, que nos obrigan a entrar en competencia con outras marcas, fan necesario ter unha imaxe de marca forte e que transmita ao público obxectivo esa calidade e valores que teñen os produtos das empresas que están dentro do territorio do GDR Ribeira Sacra Courel”, explica o xerente do GDR Ribeira Sacra Courel, Martín Alemparte.

Este proxecto pretende impulsar a comercialización das empresas a través do valor do packaging, e como este marca a diferenza para que un consumidor elixa un produto ou outro nos liñais dos puntos de venda, tanto físicos como online. “O GDR pretende poder amosar, a seis meses vista dende a implantación dos resultados deste proxecto piloto nas seis empresas participantes, o valor que ten a imaxe de marca e o packaging para o incremento directo das vendas e o posicionamento dos seus produtos agroalimentarios”, explican dende esta entidade.

No asesoramento poderán participar ata un máximo de 6 empresas agroalimentarias que serán seleccionadas en base aos seguintes criterios: “que haxa representación de empresas do maior número dos concellos que integran o GDR, que haxa representación equilibrada dos sectores presentes no territorio do GDR, a motivación e interese amosada, a data de inscrición e empresas beneficiarias de axudas Leader”.

O programa para o impulso a imaxe de marca e packaging contará con tres fases (presenciais e online): unha primeira de consultoría para a análise do estado en que se encontra a imaxe de marca e packaging das empresas participantes, outra de clasificación no grupo de Plan Posta en Marcha e no grupo de Plan de Mellora, e unha terceira de creación dunha proposta de plan de marketing a cada Peme.

Dende o GDR indican que este proxecto vén a complementar outras actuacións levadas a cabo tamén dende o GDR como é o proxecto en “Asesoramento en Dixitalización e Comercio Online”, e no que xa na actualidade 14 empresas agroalimentarias están participando no asesoramento para mellorar as súas capacidades dixitais. “En definitiva, proxectos ambos co obxectivo de axudar a superar as limitacións das Pemes do territorio, que especialmente a crise sanitaria puxo de manifesto”.

Para poder formalizar a inscrición nesta iniciativa será preciso remitir ao correo electrónico info@ribeirasacracourel.es unha ficha de adhesión ao proxecto que estará dispoñible nas redes sociais do GDR Ribeira Sacra Courel, ou tamén se pode solicitar na oficina do GDR. O prazo inscrición estará aberto ata o 20 de novembro.

Artigos relacionados

Back to top button