
O proxecto ‘Puentes de Vida: Conexión Intergeracional e Bienestar Comunitario’, promovido de forma conxunta pola Fundación Cupa Group e o Centro de Desarrollo Rural Afa Bierzo, daba os seus primeiros pasos coa organización dunha decena de actividades entre decembro de 2024 e febreiro de 2025. Entre as accións máis destacadas atópanse a formación sobre videollamadas impartida pola Fundación Cibervoluntarios e a mentoría tecnolóxica realizada polo alumnado do IESO Puente de Domingo Flórez.
O primeiro dos talleres, celebrado a principios de febreiro, centrouse no uso de videochamadas, tanto a nivel persoal como profesional, para ensinar ás persoas maiores ferramentas útiles no seu día a día. A actividade, que levou a cabo no Centro Tecnológico Rural de Puente de Domingo Flórez, foi posible grazas á colaboración da Fundación Cibervoluntarios e o Concello de Puente de Domingo Flórez.
Na segunda das xornadas formativas, realizada na mesma semana, os estudantes do IESO Puente de Domingo Flórez ensinaron aos participantes o proceso de instalación dunha aplicación móbil, para posteriormente xogar á petanca a través desta. Durante esta actividade interxeracional, o alumnado puxo ao dispor da comunidade os seus coñecementos e aprendizaxes relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Dous meses despois do inicio da iniciativa ‘Puentes de Vida’, Diego Freire Coloma, director da Fundación Cupa Group, destacou que “as actividades realizadas reflicten a importancia do traballo colaborativo á hora de xerar beneficios nas comunidades locais. O obxectivo do proxecto é mellorar a calidade de vida das persoas maiores no rural, ofrecéndolles oportunidades para estimular as súas capacidades físicas e cognitivas”.
Hacenderas: xornadas de convivencia e traballo comunitario
O proxecto ‘Puentes de Vida’ enmárcase no convenio de cooperación asinado, o pasado mes de maio, pola Fundación Cupa Group e o Centro de Desarrollo Rural Afa Bierzo, pertencente á rede nacional Coceder. O obxectivo é promover o desenvolvemento integral das zonas rurais do Bierzo mediante a posta en marcha de actividades para manter activas ás persoas maiores, mellorando a súa saúde física e mental.
Nas próximas semanas, poñerase en marcha outra das liñas de acción da iniciativa: as hacenderas. Para iso, crearase unha enquisa que permitirá identificar as necesidades dos veciños de Puente de Domingo Flórez. A través de carteis que se distribuirán polo municipio, as persoas interesadas poderán achegar as súas propostas para mellorar a contorna e o benestar da comunidade.
As hacenderas son xornadas de voluntariado que buscan reunir aos traballadores de Cupa Group para colaborar na resolución de problemas locais de forma colectiva, tanto se afectan a un veciño en particular como á comunidade no seu conxunto. A finalidade é crear unha rede de colaboración que involucre aos empregados da compañía en accións comunitarias, xerando un impacto positivo na localidade berciana.
Acción grupal con repercusión local
A primeira das liñas de actuación que contempla a iniciativa ‘Puentes de Vida’ pretende promover o envellecemento activo, tanto físico como mental, das persoas maiores. Para iso, leváronse a cabo sesións periódicas de ximnasia suave, en ocasións combinadas co baile, para fomentar a expresión corporal e a socialización entre os participantes.
O segundo bloque de actividades busca reducir a fenda dixital interxeracional. Para logralo, organizáronse talleres formativos nos que as persoas maiores de Puente de Domingo Flórez aprenderon a navegar por internet de forma segura, instalar aplicacións móbiles, realizar videollamadas ou utilizar a plataforma Youtube como recurso de aprendizaxe.
Os dous últimos eixos de acción buscan involucrar aos traballadores de Cupa Group en accións comunitarias; por unha banda, a través da organización de hacenderas e, doutra banda, mediante a formación para detectar de forma precoz situacións de vulnerabilidade sociosanitaria nas persoas maiores.
Coa participación no proxecto ‘Puentes de Vida’, a Fundación Cupa Group “fortalece o seu compromiso coa mellora do benestar das persoas nas localidades rurais. Así mesmo, a entidade pretende impulsar o desenvolvemento social nas poboacións máis desfavorecidas e promover o voluntariado corporativo entre os seus traballadores”, indican dende a entidade.