ConcellosRubiáÚltima hora

Quereño (Rubiá) homenaxeará o 24 de agosto ao seu veciño e cronista Antonio Castro Voces

Será na Casa da Cultura da localidade que a partir dese día pasará a chamarse Centro Sociocultural Antonio Castro Voces

Antonio Castro Voces./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Casa da Cultura de Quereño (Rubiá) acollerá na tarde do vindeiro 24 de agosto unha emotiva e especial homenaxe ao historiador Antonio Catro Voces, veciño desta localidade e gran dinamizador da vida sociocultural e deportiva da mesma, que falecía o pasado mes de xaneiro.

O acto, promovido pola Asociación Aluveire de Quereño, incluirá as intervencións de varias persoas vinculadas con este investigador, ademais da actuación da Banda de gaitas desta entidade (da que Castro Voces foi un dos seus promotores). Tamén está prevista a proxección dun documental, realizado por un amigo do historiador, e descubrirase unha placa no exterior deste edificio que a partir de agora pasará a chamarse Centro Sociocultural Antonio Castro Voces.

Precisamente a Casa da Cultura de Quereño era  o escenario da presentación do seu último libro, “Quereño, un pobo singular” en agosto de 2022. Pero a vinculación de Antonio Castro Voces con estas instalacións ía moito máis alá. Foi un dos promotores da súa construción, promovendo iniciativas como xornadas micolóxicas e gastronómicas, que lle permitían a Asociación Aluveire de Quereño recadar fondos e, co apoio do Concello, poder construíla.

 

Antonio Castro Voces presentando o seu libro sobre Quereño na Casa da Cultura desta localidade de Rubiá./ Cedida.

 

Este lugar constitúe o centro de actividade cultural (cunha ampla biblioteca), divulgativa, social e mesmo deportiva (xa que conta cunhas pistas) desta localidade. De aí a iniciativa da Asociación Aluveire de propoñerlle ao grupo de goberno municipal de Rubiá que este lugar leve o nome do historiador Antonio Castro Voces, que resultaba moi ben acollido e que en breve será unha realidade.

Back to top button