En portadaÚltima horaVídeos

Quiroga, capital galega do aceite nesta fin de semana

Este concello lucense celebraba a XXV Mostra do Aceite nesta fin de semana, que incluía a segunda edición do congreso do aceite de oliva

 

Nesta fin de semana Quiroga convertíase nun referente no mundo oleícola galego. Este concello lucense acollía a XXV Mostra do Aceite, que tras o II Congreso Arredor do Aceite de Oliva celebrado onte, se culminaba coa feira de produtores, degustacións e demostracións de elaboración artesanal de aceite no muíño tradicional de Bendilló.

 

 

Entre as numerosas persoas que asistían a este evento estaba o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte. Na mostra destacaba a “gran riqueza cultural, paisaxística e gastronómica” que atesoura toda a área da Ribeira Sacra, lembrando a candidatura presentada polo Goberno galego ante a Unesco para ser declarada Patrimonio Mundial no 2026.

 

 

O representante da Xunta tivo oportunidade de degustar este produto e coñecer de primeira man o proceso de elaboración artesanal cando se cumpren os 25 anos desta festa de Interese Turístico de Galicia.

 

 

O programa da mostra incluía tamen pasarrúas por Quiroga e animación da man do grupo de música tradicional O Ventosiño, así como degustacións comentadas dos aceites da mostra e ao acto de nomeamento como I Embaixador do Aceite de Quiroga do chef Kike Piñeiro do Restaurante Horta do Obradoiro en Santiago de Compostela, quen, despois, facía unha demostración de cociña cos aceites desta zona.

 

 

Coa música de raíz de Xavier Blanco da Fundación Legar no anfiteatro do recinto remataba esta tarde a XXV Mostra do Aceite de Quiroga.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button