CulturaCulturaÚltima hora

Quiroga celebrará o Día das Bibliotecas co espectáculo “Cantando con Pinocho”

 

No marco da conmeración do Día das Bibliotecas, o vindeiro sábado, día 23, a Casa da Cultura de Quiroga acollerá o espectáculo de animación infantil, con música en directo “Cantando con Pinocho”, a cargo de Rigoletto Teatro.

“A Fada de Cabelos Turquesa do conto de Pinocho será a encargada de contar o conto cantando en directo as cancións compostas para a adaptación da obra teatral de Pinocho, que actualmente xira por Galicia. Cancións que tratan temáticas como a liberdade, a amizade ou a importancia de perseguir un soño”, adiantan dende o Concello de Quiroga.

Este espectáculo supón “unha porta aberta a unha emocionante aventura que amosará un camiño cheo de sensibilidade do que poderán disfrutar os nenos e nenas que se acheguen ata a casa da cultura o sábado a partir das sete da tarde”.

“Cantando con Pinocho” forma parte das numerosas actividades organizadas polo Concello de Quiroga para este derradeiro trimestre do ano. A actividade está subvencionada pola Secretaría Xeral de Cultura a través do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia no que participa o Concello.

Artigos relacionados

Back to top button