
Moi bos resultados para o turismo de Quiroga no 2024. A Oficina de Turismo e os Museos quirogueses veñen de facer públicos os datos das visitas acadadas durante o pasado ano. Preto de 6.500 persoas adentráronse nos Museos Xeolóxico (3.660) e Etnográfico (2.873). Esta cifra supera as acadadas anteriormente e, supoñen os mellores datos dende a súa apertura.
As xornadas de portas abertas dentro do programa “Coñece os Museos de Quiroga” e a inclusión en programas de diferentes centros educativos, así como o programa turístico “Descubrir Quiroga”, tal e como matiza o concelleiro de Turismo, Vicente Parra, contribuíron a acadar estes bos resultados.
O Museo Xeolóxico, dende a súa posta en marcha no ano 2011 acadou as 28.540 visitas, número que no caso do Museo Etnográfico, que abría as súas portas 4 anos antes, queda fixado en 30.216. Dende os seus comezos suman polo tanto preto de 64.000 as persoas que se achegaron a coñecer o noso pasado e o noso territorio e o do Xeoparque Montañas do Courel a través destes dous recintos museísticos.
Prioritariamente sobre todo o que ten que ver co Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel informaba a Oficina de Turismo as 3.624 persoas que se achegaron ata estas instalacións situadas na Casa da Cultura. No caso da procedencia destes demandantes de información con diferencia encabezan a lista madrileños, seguidos dos barceloneses e galegos. En canto ás consultas a través de chamadas telefónicas sitúase en 524 e 346 as feitas a través de correo electrónico.
Así mesmo destácase o alcance nas redes sociais. A aplicación en Instagram de turismoquiroga, posta en marcha no 2024, tivo un alcance de 111.429. A páxina web do Concello de Quiroga tivo neste pasado ano 26.786 visitas.