Nesta semana Rafael Rodríguez Villarino, candidato á secretaría provincial do partido socialista na provincia de Ourense, vén de dirixirlle unha carta aos militantes ourensáns na que expón os “logros políticos” obtidos por esta formación política nos últimos anos. “Obtivemos os mellores resultados do PSdeG-PSOE na historia das eleccións municipais na nosa provincia, pois acadamos máis alcaldías e concellerías que nunca, fomos a forza máis votada na capital, e rachamos, por fin, coa maioría absoluta do PP, que leva décadas gobernando a Deputación e impedindo o progreso”.
Villarino tamén indica na misiva que estes logros “non estiveron exentos de atrancos”, se ben asegura que “avanzamos na dirección correcta para acadar” unha provincia “demócrata e progresista, que defenda o feminismo e a igualdade, o reparto equitativo de recursos aos concellos, a xustiza social e o desenvolvemento planificado e sostible para superar, con urxencia, o declive demográfico e económico que sofre esta provincia”.
Nese senso pide o respaldo da militancia o vindeiro 23 de xaneiro nas urnas “para culminar esta tarefa comezada hai 4 anos” no “seo dun partido solvente, que conta cun excelente equipo de profesionais”.