CulturaCulturaÚltima hora

A RAG pecha o ano de Carlos Casares cun simposio en Ourense

Os relatores falaron sobre a presenza de Ourense na obra do autor e a aportación que fixo á cidade co seu traballo literario
Grupo de relatores deste simposio. // Foto: Carlos Asensio.

Cada ano, a Real Academia Galega pecha as Letras Galegas cun simposio dedicado ao autor homenaxeado en tan sinalado día. Desta volta, o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” foi o lugar escollido hoxe, 7 de novembro, pola Academia, en colaboración coa Fundación Carlos Casares, para realizar devandita cita que tamén se fará en Vigo, Santiago e rematará na Coruña. Aquí, en Ourense, os relatores tiñan como obxectivo dar a coñecer a presenza de Ourense na obra de Casares e o que foi Casares para Ourense.

O presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares, foi o encargado de abrir esta xornada salientando que a capital das Burgas pasou por Casares “en distintas facetas ao longo do tempo”. O irmán do homenaxeado asegurou que todo comezou cando o autor estudou Bacharelato no Seminario Menor e gañou o seu primeiro concurso literario remunerado. “Naquel momento xa soñaba con seres escritor”, contou Xavier Casares. Neste punto, foi cando o presidente do xurado dese concurso, Vicente Risco, o quixo coñecer: “Foi o xornalista Arturo Lezcano o que o acompañou ao Café Tertulia do Hotel Parque, alí tivo o seu primeiro contacto con Risco”. Hai que salientar que ese café foi o berce do movemento cultural ourensán e un dos principais berces da cultura galega xa que alí Casares “mantivo contactos con persoeiros de renome como Acuña, Couselo, Xocas, Conde Corbal, Faílde e a metade dos artistiñas, Acisclo, Quessada e José de Dios”, enumerou o presidente da fundación, que asegurou que “con esta xente foi cando aumentou o seu interese por Ourense e Galicia”.

Xavier Casares falou dos inicios do seu irmán no mundo da literatura e cultura ourensás. // Foto: Carlos Asensio.

En canto á presenza de Ourense na súa obra, Xavier Casares dixo que a cidade estivo moi presente en traballos como “Ilustrísima”, “Cambio en tres”, “Os mortos daquel verán”… E logo, no Hotel Miño coñeceu a Blanco Amor, José Suárez e Julio Alonso Losada “que lle contou moitas historias de Ourense con personaxes moi pintorescos”. Xavier Casares aseverou que “para Ourense é moi importante o seu legado literario”. Ademais diso, Casares deixou un importante legado como xornalista con numerosos artigos publicados na prensa local.

Esta mesa inaugural tamén estivo presidida polo presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, que arrancou as súas verbas asegurando o seguinte: “Poucos autores homenaxeados deron tanto xogo como Carlos Casares”. Freixanes amosouse contento deste “Ano de Casares”, posto que “recibimos máis de 100 estudantes que nos contaron como viviron o seu ano de Casares”. O presidente da Real Academia apuntou que a súa produción literaria “foi moi rica” alén da súa actividade á fronte da Editorial Galaxia, no Consello da Cultura Galega e a súa Actividade Parlamentaria: “Carlos sempre loitou pola institucionalización do país”.

Os actos continuarán en Vigo, Santiago e A Coruña. // Foto: Carlos Asensio.

Tras iso, foi a quenda dunha Mesa Redonda moderada polo historiador ourensán Afonso Vázquez Monxardín e na que interviron Maribel Outeiriño, cun relatorio titulado “Un verán con Carlos”. Tras ela, foi a quenda de Luís González Tosar, presidente do PEN Club Galicia, que ofreceu un relatorio titulado “Casares, Kristina e os amigos de Ourense”. Esta mesa redonda pechouna Xosé Manuel Salgado co seu relatorio “Un escenario con algunhas sombras”. A xornada foi clausurada por Bieito Iglesias e o seu relatorio “Casares e o pensamento solar”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button