A Oficina de Fomento Cooperativo Macizo Central-Trevinca volve estar en funcionamento. Retomaba a súa actividade de difusión do cooperativismo nos concellos da Veiga, O Bolo, Viana e Manzaneda o pasado 6 de outubro cun programa de actuacións que se prolongará ata o vindeiro 30 de xuño.
Conta cunha técnica especializada neste ámbito que desenvolverá o seu labor nos catro municipios que cubre a oficina, que rotará a súa ubicación ao longo da semana: os luns e os martes estará na Veiga, os mércores en Manzaneda, os xoves no Bolo e os venres en Viana do Bolo.
A finalidade desta iniciativa é “organizar actividades de promoción e fomento do cooperativismo, así como asesorar aos proxectos que poidan xurdir. Tamén se promoverán accións formativas e elaboraranse plans empresariais”, tal e como indica a técnica, Marta Seoane.
A primeira destas accións comezaba o 20 de outubro en Viana do Bolo cunhas xornadas sobre aproveitamento forestal que continuarán tamén o 21 de outubro. Celébranse na Casa da Cultura vianesa.
Esta oficina conta co apoio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar a través da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social e co financiamento do Fondo Social Europeo.