EconomíaEconomíaÚltima hora

Recadación de fondos no comercio local ourensán para a loita contra o cancro de mama

O CCA colabora coa Asociación Española contra o Cancro no día mundial desta enfermidade na venda de gafas de sol para brindar apoio ás mulleres afectadas
Representantes do CCA e da AECC de Ourense posan coas gafas de sol que se venderán para recadar fondos.
Representantes do CCA e da AECC de Ourense posan coas gafas de sol que se venderán para recadar fondos.

O Centro Comercial Aberto Ourense (CCA) colaborará un ano máis -e xa van catro consecutivos- na campaña da Asociación Española contra o Cancro (AECC) do Día Mundial contra o Cancro de Mama, que se conmemora o 19 de outubro. Deste xeito, durante toda a xornada do mércores vindeiro, os establecementos comerciais adheridos ao CCA distribuirán gafas de sol cun prezo de cinco euros para recadar fondos e destinar os beneficios ao apoio de mulleres afectadas por esta patoloxía e aos seus familiares. Así o anunciaron ambos colectivos na mañá do 17 de outubro a través dunha rolda de prensa.

Pero o día mundial que conmemora a loita contra o cancro de mama non se celebrará en Ourense tan só cunha recadación de fondos. A AECC tamén organiza varias actividades para traballar na sensibilización e na visibilidade deste tipo de enfermidade durante toda a semana. Así, as actividades comezan mañá, día 18, cunha mesa redonda no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Prestixiosos doutores, cirurxiáns e piscólogos formarán parte da mesma para falar do tratamento e das fases que cómpre atravesar para chegar á reconstrución nesta enfermidade.

A xornada central será o mércores, día propio. Entre as 10:30 e as 13:30 horas e as 17 e as 20 horas haberá unha carpa informativa na rúa do Paseo na que diversos voluntarios repartirán lazos rosas e distribuirán gafas de sol para contribuír á recadación. Tamén está previsto que os xogadores do COB e do Clúg de Fútbol Ourense visiten a mesma, onde tamén haberá lugar a exhibicións de break-dance ou aeróbic.

Artigos relacionados

Back to top button