Con paredes de máis de cen metros que converxen nun pozo de 3 m de profundidade, o de Entre Cabezas en Ardexaxe (Viana do Bolo) é un dos tres foxos de lobo con tipoloxía en cruz que están documentados no mundo. Ata hai pouco máis dun ano, esta monumental trampa de orixe medieval estaba abandona e cuberta de vexetación e apenas era coñecida polos veciños da zona.
Nese momento, a iniciativa de Santiago Barja, que na pasada lexislatura era concelleiro do Medio Rural; o Concello de Viana, que preside Secundino Fernández, presentaba un proxecto a través do GDR Sil-Bibei-Navea para rehabilitar esta valiosa mostra de patrimonio etnográfico, xa que tan só se coñecen outros dous foxos en cruz no planeta: o de Bande e o de Chaguazoso, no veciño concello de Vilariño de Conso.
Os traballos para rehabilitalo, cun investimento duns 40.000 euros, iniciábanse a mediados do pasado setembro e está previsto que conclúan o vindeiro 15 de outubro. Recuperouse o camiño histórico de acceso ao lugar e procedeuse a restaurar e consolidar o foxo, isto é, as catro paredes converxentes e o pozo”, explica o arqueólogo David Pérez, director do proxecto.
E xunto ao pozo no que converxen as catro paredes, faise unha recreación final dunha antiga batida, cunha escultura do lobo e outra dun monteiro. Ambas colocábanse na xornada deste mércores 9 de outubro.
O proxecto tamén inclúe a sinalización do percorrido para chegar ao foxo, contando ademais con dous paneis interpretativos, un deles no inicio da ruta, e outro (que xa está instalado) nas proximidades do pozo, no que se explica o sentido e funcionalidade destas xigantescas trampas, construídas con grandes lousas de pedra do país, colocadas unhas enriba doutra co que hoxe se denomina “cantería en seco”.
Este foxo está moi preto da localidade de Ardexaxe e pode chegarse ata a el seguindo a estrada que comunica Viana do Bolo con Vilariño de Conso. No cruce en dirección a Ardexaxe e Fornelos de Filloás xa está indicado e hai que seguir a sinalización.
Fotos da galería: Carlos G. Hervella.