“Precisamos aquelas comunicacións que usamos cada día, as que articulan o país e esas son nas que non se esta traballando, nin se están acondicionando”, dicía esta mañá con rotundidade no Barco o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, en referencia directa á situación da N-120 e das infraestruturas e servizos ferroviarios de Valdeorras. Comparecía en rolda de prensa, acompañado polo parlamentario galego Secundino Fernández, a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, así como o concelleiro do BNG no Barco Manuel Agra e o responsable comarcal desta formación, Roberto Quiroga, entre outros representantes.
Abría a quenda de intervencións María G. Albert, lembrando que as comunicacións constitúen un tema vital para Valdeorras e que, ao longo dos anos, “fumos quedando fóra das principais redes de transporte colectivo do Estado, e todo isto agravado polas deficiencias do transporte individual, impedindo movernos con facilidade para conectar coa capital, Ourense, e co resto do país”, así como, neste senso, o BNG ten presentado diversas iniciativas neste senso a nivel estatal no Congreso.
A continuación, Néstor Rego, adiantaba que se vai seguir insistindo neste senso cunha serie de iniciativas referentes a Valdeorras arredor de tres temas: o retraso na execución da circunvalación do Barco, o estado da N-120, que afecta a cuestións como a seguridade para aqueles que transitan por esta vía, e as conexións ferroviarias, tanto no eido das infraestruturas como tales como na recuperación de frecuencias e servizos.
“Estamos nas institucións para reivindicar ou reclamar aquilo que é de xustiza e, como cidadáns, tamén esperamos que os impostos que pagamos sirvan para mellorar aquelas infraestruturas que usamos a diario, e polo tanto, a nosa calidade de vida”. Neste senso, Rego, incidía na necesidade de que o Goberno do Estado se comprometa con Valdeorras e impulse as estratéxicas infraestruturas viarias e ferroviarias.

Axilización das actuacións na N-120 e na circunvalación do Barco
O deputado nacionalista puxo o foco sobre a estrada N-120, “unha vía fundamental para a comarca e que precisa dunha reparación integral, precisa obras de mellora, pero tamén de mantemento”. Rego lembrou que esta actuación figura expresamente recollida no Acordo de Investidura entre o BNG e o PSOE, polo que exixe “a súa execución inmediata e sen máis atrasos”.
Así mesmo, Rego aludía á necesidade de acelerar as obras de conexión entre estradas, especialmente as referidas á N-120 e á N-536, a coñecida como circunvalación do Barco, cuxas obras están paralizadas ou avanzan a un ritmo inaceptábel. “Desde o BNG rexistramos diversas iniciativas parlamentarias esixindo explicacións polos continuos atrasos e demandando a súa inmediata reactivación. Tiña un prazo de execución de tres anos e vemoc como se duplicou nestes tres anos. Reclamamos axilidade e responsabilidade para que se finalice canto antes”.
Na rolda de prensa interviña tamén o deputado galego do BNG, Secundino Fernández, quen apuntaba que en breve levará unha iniciativa ao Parlamento de Galicia relativa tamén á necesidade de mellora da estrada N-120 e á necesidade de que se executen os carrís de adiantamento no tramo entre Ourense e Nogueira de Ramuín.
A-76: “unha infraestrutura estratéxica para Valdeorras”
Outro dos puntos centrais da comparecencia foi a A-76, autovía que debería conectar Ponferrada e Ourense pasando por Valdeorras. “Falamos dunha infraestrutura estratéxica e clave para garantir o desenvolvemento da comarca, tanto desde o punto de vista industrial como para combater o despoboamento”, afirmou Rego, quen criticou “a falta de avances reais na súa execución e a continua marxinación de Valdeorras nas planificacións do Ministerio de Transportes”.
Ferrocarril: “máis frecuencias e recuperación dos servizos nas estacións do Barco e da Rúa”
No ámbito ferroviario, o deputado do BNG no Congreso puxo en evidencia o estado das estacións da comarca, reducidas a ser “apeadeiros” e a escasa oferta de servizos e frecuencias de tren para a poboación. “É imprescindible mellorar a conexión ferroviaria interna entre as estacións de Valdeorras, así como as conexións con Ourense e co resto de Galiza, con máis frecuencias, horarios adaptados e prezos xustos para a cidadanía”, explicou.
Rego reclamou tamén a restitución do servizo de longa distancia nocturno, o tren hotel entre Galicia e Cataluña, que foi suprimido en plena pandemia e aínda non foi recuperado. “Este tren era fundamental para moitas persoas migradas da comarca que viven en Cataluña e que usaban esta conexión por comodidade, accesibilidade e custo. É un servizo que debe volver a estar dispoñíbel”, concluía, indicando que esta vai ser a liña de traballo no BNG no Congreso.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.