ConcellosParada de SilÚltima hora

Rehabilitación de elementos de valor etnográfico en Parada de Sil

O delegado territorial explicou que estas actuacións se enmarcan na orde de axudas para a conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na rede de reservas de biosfera de Galicia, nas que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático investiu preto de 30.000 euros

 

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Francisco Magide; supervisaba nesta semana as actuacións levadas a cabo en catro elementos representativos da etnografía tradicional do municipio, ao abeiro da orde de axudas destinada á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede de Reservas de Biosfera de Galicia, nas que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático investiu preto de 30.000 euros.

O delegado territorial concretou que esta intervención, situada na Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, consiste nun proxecto que recolle varias intervencións dirixidas á realización de investimentos para a conservación de elementos da paisaxe que xeran un impacto positivo na conservación de elementos construtivos tradicionais, como son o caso do hórreo de Caxide, das fontes de Barxacova, Rabacallos, e a poza Laga de Chandrexa.

Manuel Pardo destacou que estes apoios do Goberno galego, que ascenden a 1,8 millóns de euros, son para preservar as reservas da biosfera galegas e van dirixidos a financiar actuacións, estudos e investimentos por parte de concellos localizados nalgunha das sete reservas da biosfera existentes en Galicia e que teñan como obxectivo común avanzar na conservación, recuperación e rehabilitación do seu patrimonio natural e cultural.

O representante do Goberno galego lembrou que estas axudas, de carácter bianual e cofinanciadas pola UE a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), poden ter un importe máximo de 30.000 euros e con elas as entidades locais poden cubrir o 100% do custo subvencionable.

Neste sentido, o delegado territorial explicou que as actuacións subvencionables se agrupan en catro grandes liñas de actuación: conservación, restauración e mellora da biodiversidade, especialmente dos hábitats, especies ou ecosistemas naturais, así como aquelas que teñan un impacto favorable na mitigación ou adaptación ao cambio climático; mellora da conectividade ecolóxica de especies de flora e fauna; recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou precisos para o mantemento da paisaxe agraria, cultural ou etnográfica tradicional; e creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos.

 

 

Actuacións

No hórreo Caxide, como tiña a súa estrutura de madeira e o tellado en moi mal estado, construíuse un completamente novo en madeira de castaño e coas mesmas características dos actuais; e cambiouse a cobertura de lousa por outra de tella cerámica curva que encaixa moito máis na contorna e que posiblemente foi a súa cobertura orixinal.

Na recuperación das fontes de Barxacova e de Rabacallos, así como da poza Laga de Chandrexa, os traballos consistiron na limpeza e retirada de broza e dos paramentos interiores e exteriores; na impermeabilización e arrexuntado con morteiro ou material similar; e na reparación das acometidas de auga e desaugue.

Reunión co alcalde de Parada de Sil

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa estadía na contorna para manter un encontro co alcalde na Casa do Concello, e coñecer de primeira man as necesidades do municipio.

A xuntanza serviu para abordar distintas cuestións de interese desta localidade relacionadas coa Administración autonómica, co obxectivo de mellorar nestas competencias en beneficio do conxunto veciñanza.

Back to top button