Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Renacer reivindica no Día do Dano Cerebral o “dereito a vivir con dignidade” dos afectados

A asociación pide en Ourense “respostas coordinadas” á Administración e garantías para evitar a exclusión social dos enfermos e das súas familias

“É necesario garantir o dereito a vivir con dignidade das persoas que foron salvadas”. Así comezaba Jorge Antonio Fernández, educador social da Asociación Renacer, a lectura do manifesto reivindicativo para conmemorar o Día do Dano Cerebral Adquirido no mediodía do 26 de outubro. Ante os medios, Fernández puxo a voz por todos os afectados e as súas familias para pedir que se eliminen as barreiras para o desenvolvemento independente e o aillamento social, así como a busca de solucións para alivar a carga familiar que supón esta afección. O acto convocado polo colectivo ourensán tamén contou coa participación de diversos afectados e coa asistencia do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a concelleira de Sanidade, Sofía Godoy, e a deputada de Transparencia e Participación Cidadá, Monsterrat Lama.

Perante a carpa na que durante toda a xornada se venderán camisetas para recadar fondos, Fernández continuou co seu discurso para reclamar da Administración Pública “respostas coordinadas e adecuadas ás nosas necesidades nos ámbitos sanitario e social”. Explicou que recoñecen que houbo avances no terreo da continuidade asistencial pero di que son “insuficientes”. Por iso, en nome do colectivo, pediu que se estableza un criterio de diagnóstico de dano cerebral adquirido na alta hospitalaria que sirva para prescribir e garantir a rehabilitación funcional con recursos especializados. “É urxente que se analicen as necesidades da poboación con dano cerebral, se dimensionen os recursos necesarios para a súa atención e se regule a estrutura de funcionamento”, engadiu. Tamén fixo fincapé na necesidade de poñer ferramentas formativas a disposición dos familiares con afectados por lesións cerebrais.

En Ourense, a Asociación Renacer atende semanalmente a 50 persoas afectadas por dano cerebral. Grazas a profesionais coma Fernández, os pacientes reciben terapia individual, sesións de fisioterapia, psicoloxía, logopedia e terapia ocupacional, así como talleres específicos. En total, son 150 os afectados por lesión cerebral. Segundo o educador social, a maior incidencia é o ictus, aínda que na franxa de idade entre os 18 e os 35 proliferan máis os traumatismos craneoencefálicos por accidentes de tráfico, principalmente.

Texto e fotos: Sara Fontenla.

Artigos relacionados

Back to top button