OurenseÚltima hora

Rescatan a 3 mozos que quedaban atrapados na base da Ponte Vella de Ourense ao subir o caudal do Miño

Vista da cidade de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A suba do caudal do río Miño deixaba na pasada tardiña a tres mozos atrapados na base da Ponte Vella en Ourense, segundo informa o 112 Galicia. “Un deles conseguiu saír polos seus propios medios, pero os outros dous recibiron axuda dos bombeiros”.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, os feitos ocorreron pasadas as nove da noite de onte na ponte vella de Ourense. Tres mozos buscaron acubillo na base desta construción ao vérense sorprendidos pola suba do caudal do río Miño.

“Se ben atopábanse en bo estado de saúde, o nivel de auga impedía que alcanzasen a beira, por iso, alguén chamou ao 112 Galicia co fin de obter os medios e recursos necesarios para sacar aos rapaces sen que corresen máis riscos. Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a colaboración dos Bombeiros de Ourense, así como dos axentes da Policía Local e Nacional”, tal e como indica o 112 Galicia.

Cando chegaron os profesionais de rescate do parque municipal, comprobaron que “un dos mozos estaba xa fóra, pero os outros dous necesitan axuda. Así, procederon ao seu rescate e descartouse a asistencia médica debido ao seu bo estado de saúde”, segundo recolle o 112 Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button