ConcellosQuirogaÚltima hora

Retómase a posta en valor do castro de Penadominga (Quiroga) cun novo campo de traballo

O seu principal cometido, nesta ocasión, será abrir un sendeiro que permita chegar ata o castro facendo unha ruta circular

Publicidade
Participantes no campo de traballo do castro de Penadominga (Quiroga)./ Cedida.

 

Quiroga continúa poñendo en valor o xacemento arqueolóxico de Penadominga. Nel vén de poñerse en marcha un novo campo de traballo “Arqueolóxico e de Dinamización” neste castro. Os participantes neste campo chegaron a Quiroga nesta fin de semana e comezaron co seu principal cometido que, nesta ocasión, consiste en abrir un sendeiro que permita chegar ata o castro facendo unha ruta circular, aproveitando un antigo camiño que unía Bendollo con Vilar de Mondelo.

O concelleiro de Xuventude de Quiroga, Luis Manuel Arias, achegábase ata o lugar no que están a traballar estes mozos, cuxo labor concluirá o día 8 de setembro (data prevista para o remate do campo). Ademais deste traballo de roza, sinalizarán o acceso e colocarán un panel explicativo no propio castro. Estes traballos realízanse baixo a supervisión do arqueólogo Iván Álvarez.

Este é o segundo ano no que se levan a cabo traballos de acondicionamento neste castro coa intención de que este lugar da serra de Bendollo se poida visitar formando parte do intenso conxunto de recursos culturais e turísticos do municipio e do Xeoparque Montañas do Courel. Os primeiro traballos, realizados polo campo de rraballo do ano 2020, consistiron no seu acondicionamento coa limpeza de maleza do castro.

Os participantes no campo ademais destes labores previstos para realizar polas mañás, participan en diversas actividades máis lúdicas polas tardes, como visitas aos museos locais, diversións con xincanas pola vila ou unha cata de viños como a que realizarán esta tarde na adega EDV 2015.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, é quen subvenciona os campos de traballo, no que este ano participa media ducia de mozos e mozas entre 18 e 30 anos de idade. En anos anteriores, os campos de traballo en Quiroga foron de ámbito internacional, agás o do pasado ano que se centrou na comunidade motivado pola pandemia sanitaria e este ano motivado pola mesma situación é de ámbito nacional.

Artigos relacionados

Back to top button