O Comité de Campaña Provincial do PP de Ourense segue mantendo xuntanzas en diferentes puntos da provincia cos cabezas de lista desta formación política nas municipais así como cos presidentes locais dos concellos. Na tarde do 6 de marzo viaxaban ata Bande. Alí mantiñan un encontro cos represententes de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muiños, Padrenda e Verea.
Un dos temas principais da reunión foi a creación de emprego cos recursos propios da provincia de Ourense, unha cuestión considerada “clave” no Programa Electoral Marco Provincial do PPOU. Tal e como puxeron de manifesto os participantes no encontro, esta aposta sustentarase en dúas premisas. Por unha banda, o aproveitamento dos recursos naturais de Ourense, fomentando a súa explotación turística dada a enorme riqueza natural e paisaxística da provincia. Por outra banda, tamén se falou da necesidade de crear e impulsar as industrias agrarias, o termalismo e os recursos forestais, convertindo ao monte en xerador de posibilidades (madeira, gandería extensiva, micoloxía, producción de resina, etcétera).