Representantes de trinta concellos das comarcas de Valdeorras, Verín e Viana, xunto a integrantes da Plataforma Dereito ao Tren, e tamén representantes de municipios limítrofes da provincia de Zamora, celebraban o luns 16 de xaneiro en Erosa (A Gudiña) unha reunión de traballo na que se concretaban e coordinaban as actividades e actos a desenvolver —por concellos e plataforma— co obxectivo de lograr que os horarios e frecuencias dos trens na estación da Gudiña (en ambas as direccións) se axusten á demanda real dos habitantes do oriente ourensán e do nordés de Portugal.
Despois da presentación do equipo de traballo, formado por representantes designados polos concellos implicados e os membros da plataforma, procedeuse a desagregar os obxectivos inmediatos do movemento veciñal.
“O principal reto é mobilizar ao conxunto da poboación da zona afectada, co fin de que os servizos ferroviarios adáptense ás necesidades reais dos usuarios e non ao revés”, comentaban os asistentes a reunión. Neste marco, acordouse dar continuidade ao proceso iniciado hai uns días en Viana do Bolo, con reunións informativas en cada municipio, recollida de firmas dirixidas ao Ministerio de Transportes, e actos personalizados con agrupacións económicas, sociais e culturais.
Durante a reunión tamén se abordaron aspectos clave que afectan o conxunto do territorio, como o reto demográfico que azouta a estas comarcas. Insistiuse en que a falta de conexións ferroviarias adecuadas agrava o despoboamento rural e dificulta a permanencia de poboación nova e activa no territorio. A Plataforma Dereito ao Tren considera que “a defensa do tren é tamén unha defensa do dereito para vivir dignamente no rural”.

Ademais, destacouse a importancia de que a futura Lei de Mobilidad Sostible, actualmente en tramitación, garanta a igualdade territorial e a vertebración das zonas rurais en igualdade de condicións que as áreas urbanas. Esixiuse que esta lei recolla explicitamente a obrigación do Estado de manter servizos básicos como o tren en áreas de montaña e fronteirizas.
Tamén se fixo énfase na situación crítica de accesibilidade na estación da Gudiña – Porta de Galicia, unha infraestrutura de importancia estratéxica pero que carece de condicións adecuadas para persoas con mobilidade reducida e maiores, o que supón unha clara vulneración do principio de accesibilidade universal.
No decurso da xuntanza tamén se informaba de que se van a remitir comunicacións formais á Casa Real, ao Valedor do Pobo, ao Defensor do Pobo, ao Comisario Europeo de Transportes, á Xunta de Galicia e á Deputación de Ourense.

Así mesmo decidiuse intensificar os contactos con institucións do nordés de Portugal e fixar un calendario de accións reivindicativas en Ourense, Madrid e A Gudiña.
“O traballo conxunto entre as entidades locais e a plataforma cidadá segue avanzando con paso firme, sempre co foco posto no dereito a unha mobilidade ferroviaria digna, sostible, accesible e conectada co desenvolvemento social e territorial”, din dende a plataforma.
Fotos: Noelia Caseiro.
