EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Ribadavia acolle ata o 4 de maio a 62ª Feira do Viño do Ribeiro, con 40 adegas

 

Ribadavia celebra dende hoxe e ata o 4 de maio a 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, un dos eventos enogastronómicos máis destacados de Galicia que reúne a unhas 40 adegas, cun acto inaugural cheo de tradición, emoción e compromiso co territorio. A xornada arrancaba coa recepción institucional no Concello de Ribadavia, acompañada pola música da Banda A Lira de Ribadavia, que precedeu a un pasarrúas ata o Castelo dos Condes, onde actuou a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

Ao acto asistiron autoridades como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; así como o alcalde de Ribadavia, César Fernández, membros da corporación local e alcaldes de concellos limítrofes pertencentes á comarca do Ribeiro.

O pregón oficial tivo lugar no recinto feiral da Alameda e correu a cargo de Alejandro Blanco, presidente do Comité Olímpico Español, quen protagonizou un discurso cargado de lembranzas e emoción. “A vendima é un dos mellores recordos da miña infancia: recoller as uvas, levalas no cesto que me regalaran os meus avós, e por suposto ese momento máxico que é o pisado das uvas”, sinalou. Blanco tamén destacou que, como galego que viviu fóra durante moitos anos, “os sabores de Galicia, como o viño do Ribeiro, son sempre un trago que sabe a morriña e á terra”. Ademais, fixo unha fermosa comparación: “o viño branco do Ribeiro ten o mesmo ton dourado que os solpores que se ven desde as terras do Ribeiro”.

A presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, Concha Iglesias, lembrou tamén que “a do Ribeiro é das feiras do viño máis antigas; pero que vai incorporando novas actividades e eventos”, destacando a capacidade de adaptación desta celebración que segue medrando edición tras edición. Precisamente na importancia das DO fixo fincapé a Conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, lembrando que “en 1932 púxose o xermolo que fixo medrar as Denominacións de Orixe, que hoxe son sinónimo de calidade e de Galicia.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, salientou que “a tradición do viño do Ribeiro sabe adaptarse ao futuro. Sabemos de onde vimos, sabemos onde estamos e sabemos a onde queremos ir; adaptándonos constantemente a este mundo cambiante”.

Ademais, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos puxo en valor a Denominación de Orixe “máis antiga de Galicia”. “Celebramos un produto moi premiado, pero tamén unha historia, unha cultura e unha maneira de entender o vínculo coa terra”. Tamén animou a veciños, veciñas e visitantes a desfrutar de catro días de celebración “con responsabilidade, con alegría e co orgullo de saber que o que aquí celebramos é froito de séculos de dedicación, saber facer e paixón polo noso”. “Esta non só é unha cita imprescindible no calendario gastronómico nacional, senón tamén un símbolo de identidade e de esforzo”, engadiu. Finalmente asegurou que o Goberno de España seguirá apoiando ao sector vitivinícola galego.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, puxo en valor a importancia deste evento: “a Feira do Viño do Ribeiro é un evento que promociona e pon en valor o produto estrela da nosa terra, o noso viño do Ribeiro. Un produto grazas ao cal somos o que somos, que significa historia, tradición e innovación. Unha historia unida á de Ribadavia e ao seu patrimonio cultural e histórico, que non podería entenderse sen o papel que xogou o viño no seu desenvolvemento”.

Neste marco, a conselleira do Medio Rural lembrou a importante aposta do Goberno autonómico polo sector vitivinícola, consolidado como unha das potencias económicas do agro na nosa comunidade. Así, recordou as diferentes liñas de achegas postas en marcha pola Xunta de Galicia para impulsar este eido.

Durante esta xornada inaugural, tamén se celebrarán actividades como a Cata Comentada das Adegas, ás 17:30 h, coa sumiller Deisy Barrios Otarola e maridaxe con produtos de Galicia Calidade; así como un obradoiro de cociña ás 19:30 h a cargo do chef Gabriel Quispe Peña, gañador do certame ‘Talentos by Abril’.

A Feira prolongarase ata o domingo, con múltiples actividades para exaltar a cultura vitivinícola do Ribeiro na súa capital, Ribadavia, que agarda a milleiros de visitantes para desfrutar dos seus valorados caldos.

Back to top button