EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Ribadavia acollerá varios cursos relacionados co viño nos meses de outubro e novembro

As actividades abarcan dende formación básica ata certificacións internacionais de prestixio

Participantes na reunión de hoxe sostindo o cartel da actividade. / Foto: cedida.

 

O concello de Ribadavia acollerá, durante os meses de outubro e novembro, unha serie de cursos cos que se pretende difundir a cultura do viño entre profesionais da enoloxía e afeccionados a este sector. A presentación desta oferta formativa tivo lugar á mañá de hoxe, luns 3 de agosto, no Museo do Viño de Galicia, na localidade ribadaviense de Santo André de Campo Redondo.

Á xuntanza acudiron diversas personalidades das entidades organizadoras: Mariluz Expósito, concelleira de Facenda e alcaldesa accidental e Ribadavia; Jorge Vila, director de Galicia.wine; o valdeorrés Jesús Manuel García, director da UNED Ourense; César Llana, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia e o Museo do Viño de Galicia e Rosa Fernández, secretaria da Asociación Amigos do Museo Etnolóxico e Conxunto Histórico de Ribadavia.

O primeiro curso será “Iniciación á cultura do viño”, 8 e 15 de outubro; seguido de “Zonas clásicas de Europa (Francia Italia e España)”, 12 e 19 de novembro. Ambos combinan ideas teóricas con catas e outro tipo de prácticas co obxectivo de que o curso resulte ameno para os participantes. A duración será de 6 horas repartidas en dúas sesións. A matrícula estará dispoñible a partir do día 6 de setembro na UNED e os alumnos recibirán un diploma acreditativo.

Por outra banda realizaránse dous cursos WSET (Wine & Spirit Education Trust), de nivel 1 o día 19 de outubro e de nivel 2 os días 23 e 24 de novembro. WSET é unha organización de referencia internacional na formación do viño. Os exames son enviados dende Londres, onde está a sede, e son correxidos tamén dende alí. A martícula para estes cursos xa está dispoñible na web de Galicia.wine.

 

Artigos relacionados

Back to top button