ConcellosRibas de SilÚltima hora

Ribas de Sil renderá homenaxe ás mulleres de Mans Unidas do municipio polo seu labor solidario durante case 40 anos

Vista panorámica de San Clodio./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O pobo de San Clodio celebrará o vindeiro sábado, 6 de xuño, ás 12:00 horas, na Igrexa Parroquial, unha homenaxe ás mulleres de Mans Unidas de San Clodio en recoñecemento ao seu compromiso solidario e ao traballo desenvolvido durante case catro décadas.

Estas mulleres reuníronse ao longo de preto de 40 anos no seu obradoiro de costura, cada martes e xoves de setembro a xuño, confeccionando pezas artesanais que posteriormente vendían con fins solidarios. O grupo participou de maneira constante en todas as edicións da Feira da Cereixa, converténdose nun exemplo de colaboración e entrega para toda a comarca.

Grazas ao seu esforzo e dedicación, contribuíron ao financiamento de proxectos de Mans Unidas e iniciativas destinadas á mellora da vida das persoas en Galicia, noutras zonas de España e tamén en países como Bolivia, Brasil e Perú.

Este ano será a primeira vez que non estarán presentes na Feira da Cereixa, motivo polo que a veciñanza de San Clodio quere renderlles unha homenaxe pública polo inmenso labor humano e social realizado ao longo destes anos.

A misa e o acto de homenaxe estarán acompañados pola actuación da Coral Polifónica de Quiroga.

Desde o Concello facemos un chamamento á participación de toda a veciñanza para expresar o agradecemento e o agarimo ás integrantes deste colectivo, tanto ás que continúan entre nós como ás que xa partiron.

Back to top button