
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra recibe o xoves 22 e o venres 23 de outubro a 15 educadores internacionais do viño que participan no Galicia Wine Educator 2026, un programa de formación avanzada que percorre do 18 ao 24 de outubro as cinco denominacións de orixe galegas.
A acción comezará o xoves 22 de outubro, no Palacio de Sober, cun túnel do viño de 70 referencias de tintos e brancos da denominación e unha cea coa que o Consello Regulador dará a benvida aos participantes. O venres 23 a xornada arrancará cun almorzo formativo no propio Palacio de Sober, no que o director técnico do Consello Regulador presentará a historia, o territorio, o clima, os solos, as variedades, os estilos de viño e o mercado da Ribeira Sacra. Despois, o grupo visitará viñedos e dúas adegas da denominación, con cata ampliada dirixida polos propios elaboradores, e compartirá unha comida con produtos da zona.
A Ribeira Sacra presentará ante prescritores de todo o mundo a identidade que a distingue: viñedos en socalcos sobre os canóns do Miño e do Sil, variedades autóctonas e o traballo das persoas viticultoras nun territorio de viticultura heroica. «Que profesionais da educación do viño de tantos países coñezan a Ribeira Sacra no seu propio territorio e proben as súas referencias máis singulares é unha oportunidade para darlles a coñecer a nosa identidade e para que a transmitan aos seus alumnos», sinala Antonio Lombardía, presidente do Consello Regulador.
Unha iniciativa de AGACAL e Galicia Wine Academy
O Galicia Wine Educator está organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) e Galicia Wine Academy, que exerce a dirección académica do programa, coa colaboración do Wine & Spirit Education Trust (WSET).
O programa desenvólvese en tres fases: un curso en liña previo, Galicia Wine Specialist, sobre historia, xeografía, viticultura, variedades e viños de Galicia; a inmersión presencial nas cinco denominacións, con visitas a viñedos e adegas e catas cos produtores; e un exame final presencial. Quen o supere obterá o título de Galicia Wine Educator, acreditado por AGACAL/Xunta de Galicia e Galicia Wine Academy.
Obxectivos: embaixadores do viño galego no mundo
A iniciativa busca apoiar o posicionamento internacional dos viños galegos a través da formación especializada. Entre os seus obxectivos están formar cada ano a 15 educadores como embaixadores acreditados do viño galego, difundir o coñecemento técnico e cultural das cinco denominacións de orixe, fortalecer o turismo enolóxico de calidade como motor de desenvolvemento rural sostible e incrementar a presenza de Galicia nas redes educativas, comerciais e mediáticas do viño. Os participantes trasladarán despois o aprendido aos seus alumnos, clientes e mercados.
Quen participa
Os 15 participantes proceden de 14 países de Europa, América, Asia e Oceanía: Reino Unido, Turquía, Países Baixos, Francia, Italia, China, Australia, Portugal, Estados Unidos, México, Singapur, Paraguai, República Dominicana e Polonia. Son educadores de viño en activo, titulados WSET, entre os que hai unha Master of Wine, responsables de escolas e academias de viño, docentes universitarios, xurados de concursos internacionais, sumilleres e consultores de restauración e importación, ademais de responsables da propia WSET. A convocatoria recibiu catro veces máis solicitudes que prazas dispoñibles, sen promoción previa.
Para a Ribeira Sacra, a súa participación no Galicia Wine Educator supón unha oportunidade para reforzar a difusión dos seus viños e achegar a personalidade da denominación a profesionais con capacidade de prescrición nos seus mercados de orixe.