
Na mañá do sábado 24 de maio o Concello de San Xoán de Río organizará a xornada “Xóvenes vs Rural”, unha actividade que se enmarca dentro do proxecto europeo Connecting Rural Europe: Networking and Development in Small Towns – Rural, cofinanciado pola Unión Europea.
A iniciativa ten como obxectivo principal escoitar directamente á mocidade rural, mozas e mozos de entre 16 e 30 anos, co fin de identificar as súas necesidades, inquedanzas e propostas para mellorar a súa calidade de vida e favorecer que poidan desenvolver proxectos de vida no rural.
A xornada estruturarase da seguinte maneira:
– Apertura institucional
– Relatorios a cargo de persoas expertas en desenvolvemento rural e xuventude
– Un espazo participativo en formato World Café, con 5 mesas temáticas onde os e as participantes poderán reflexionar en grupo, intercambiar ideas e contribuír á elaboración dun documento que será trasladado á Comisión Europea.
- Conclusión da xornada e peche institucional.
Este evento non só terá lugar en Galicia, senón que se replicará durante este mes de maio nos catro países participantes no proxecto, nun exercicio coordinado de participación xuvenil a nivel europeo.
Este proxecto está liderado por un partenariado europeo composto por:
Maghweb, en representación do Comune di Palazzo Adriano (Italia)
LAG Vallis Colapis (Croacia)
Concello de San Xoán de Río (Galicia, España)
Harghita Council (Romanía)
“Con esta iniciativa, San Xoán de Río reafirma o seu compromiso coa participación activa da mocidade e coa transformación do rural nun espazo de oportunidades, futuro e vida”, destaca o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua.
Máis información e inscricións no propio Concello de San Xoán de Río.