ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Río aplicará un recargo de ata o 150% no IBI ás vivendas baleiras para incentivar o seu uso

Casa do Concello de Río.

 

O Concello de San Xoán de Río vén de anunciar que aplicará, a partir do vindeiro ano, un recargo no Imposto de Bens Inmobles (IBI) ás vivendas baleiras co obxectivo de fomentar que se poñan no mercado de alugueiro ou venda. “A medida, aprobada en pleno, permitirá aumentar o tipo impositivo ata o 150%, o máximo legal permitido, en función do tempo que leven desocupadas e do número de inmobles que posúa o propietario”, segundo asegura o alcalde de Río, Xosé Miguel Pérez.

Segundo a nova ordenanza, o recargo será do 50% para as vivendas baleiras durante máis de dous anos, do 100% se superan os tres anos sen uso, e incrementarase en 50 puntos porcentuais adicionais cando un mesmo titular dispoña de dúas ou máis vivendas desocupadas no termo municipal.

O Concello establece tamén unha serie de causas xustificadas que permitirán evitar o recargo, como os traslados temporais por motivos laborais ou de formación, obras de rehabilitación, situacións de dependencia ou saúde, segundas residencias con uso esporádico, ou inmobles en venda ou alugueiro durante un tempo razoable.

 

O alcalde de San Xoán de Río e novo deputado provincial, Xosé Miguel Pérez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, explica que “o noso modelo é claro: quen vive aquí todo o ano pagará os mínimos impostos posibles; quen usa a súa casa só en tempada pagará o normal; e quen mantén vivendas baleiras de forma permanente pagará o máximo permitido pola lei”.

A iniciativa enmárcase dentro da estratexia municipal para mobilizar o parque de vivendas pechadas, dinamizar o municipio e favorecer o acceso á vivenda a novos residentes. Ademais, o Concello facilitará os trámites aos propietarios que desexen alugar ou vender os seus inmobles, evitando así o pago do recargo.

Con esta medida, San Xoán de Río “dá un paso máis na súa aposta por reactivar a vida no rural, impulsar o aproveitamento dos recursos locais e contribuír a un modelo fiscal máis xusto e coherente coa realidade dos pequenos concellos”, indica o seu rexedor.

Back to top button