En portadaÚltima hora

Río, candidata a Capital Europea da Inclusión e a Diversidade co proxecto “Mulleres de Río”

 

No interior do orienteourensán, onde o río Sil traza o seu leito, sitúase San Xoán de Río, un municipio cunha historia rica e uns singulares recursos naturais, pero que tamén experimenta o gran desafío do despoboamento. É neste contexto onde nace o proxecto ‘Mulleres de Río’, unha aposta do Concello, polo talento das mulleres que, como o río, souberon adaptarse aos cambios e seguir fluíndo.

Mulleres de Río é o programa do que xurdiron numerosos proxectos desde 2023 que deron lugar á candidatura aos premios Capital Europea da Inclusión e a Diversidade. O municipio busca recoñecer así o papel fundamental das mulleres no desenvolvemento rural e visibilizar as iniciativas pioneiras que se están levando a cabo para empoderar ás mulleres e construír unha comunidade máis xusta e inclusiva.

“Mulleres de Río” é un proxecto innovador que, a través de actividades colaborativas e un gran impulso ao emprendemento feminino, baixo un modelo de gobernanza participativa, promove o empoderamento das mulleres rurais, fomenta a participación cidadá e revitaliza o territorio. Ao abordar os desafíos do envellecemento, o despoboamento e a desigualdade de xénero, este proxecto convértese nun referente a nivel nacional e internacional.

Unha parte esencial deste programa é o proxecto interxeracional centrado na rehabilitación de vivenda que verá a luz ao longo deste ano.

A través dun proxecto pioneiro de “Mapeo do Territorio”, as mulleres de San Xoán de Río identificarán e catalogarán as vivendas desocupadas, creando unha base de datos que facilitará o contacto cos seus propietarios e propietarias para a súa rehabilitación e posta en valor a través da Oficina Comarcal de Transición Enerxética, ABEIRO. Ademais, promove o liderado feminino a través da participación activa das mulleres na definición das necesidades e prioridades en materia de vivenda, asegurando que as solucións propostas sexan adecuadas e sostibles para todas as mulleres desde un punto de vista interseccional.

Este proxecto pioneiro, non só contribúe a frear o despoboamento, senón que tamén empodera ás mulleres, fomentando a súa participación na toma de decisións e o seu liderado na comunidade. Ao mesmo tempo, está a crearse un tecido social máis forte e cohesionado, onde todas as persoas teñen a oportunidade de acceder a unha vivenda digna.

Con esta candidatura San Xoán de Río demostra que, mesmo nas contornas máis pequenas e con maiores desafíos, é posible construír comunidades máis xustas e equitativas. Ao outorgar este premio a San Xoán de Río, recoñecerase o traballo realizado e inspirarase a outros municipios para seguir este exemplo

Artigos relacionados

Back to top button