Vén de poñerse en marcha un novo establecemento de hostalaría na vila de San Xoán de Río. Trátase dun proxecto familiar, Pensión Palomo’s, detrás do que están Irene e Óscar, xunto cos seus fillos, Saúl e Yara. Este aloxamento, situado na praza Pedro Fernández número 9, no centro da localidade de Río, conta con 5 habitacións dobres (algunhas adaptadas para minusválidos) e con 3 apartamentos (habitación máis unha sala).
As habitacións están pensadas e deseñadas, con mimo, para ofrecer a maior comodidade e descanso ás persoas que se aloxen nelas. Esta pensión permite “desfrutar dun ambiente tranquilo, da proximidade da Ribeira Sacra e da Estación de Montaña de Manzaneda, ademais das nosas numerosas rutas de sendeirismo e vistas pintorescas e dunha excelente gastronomía”, destacan Irene e Saúl, dous dos propietarios e rexentadores da pensión.
Este proxecto familiar vai máis alá do aloxamento, e na parte baixa do edificio que alberga a pensión (de dúas estrelas), está previsto abrir un restaurante. Esta iniciativa conta cunha axuda do GDR Sil-Bibei-Navea. Esta familia conta tamén co bar que existe nestes momentos en Río, de cuxa parte gastronómica encárgarse Saúl.
Dende o Concello de San Xoán de Río, o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez, valora de forma moi positiva este novo aloxamento turístico, que, ademais de dar un novo servizo ao municipio, supón unha nova empresa e estabiliza poboación moza na zona. “Estamos encantandos, levabamos máis de trinta anos no que na capitalidade de San Xoán de Río só se pechaban comercios, e agora dá gusto que unha persoa de 22 anos arrisque e monte algo aquí. Conta con todo o noso apoio”.
As persoas interesadas en realizar unha reserva poden facelo no teléfono 988 34 60 65. Tamén contan con páxina web e presenza en Instagram.
Fotos e vídeos: O SIL.