ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Río, primeiro municipio ourensán en obter o Distintivo SG CITY 50-50 pola Igualdade

 

O Concello de San Xoán de Río vén de recibir oficialmente o Distintivo SG CITY 50-50 pola Igualdade de Xénero, converténdose no primeiro municipio da provincia de Ourense en acadar esta certificación internacional que recoñece o compromiso real coa integración da perspectiva de xénero na xestión pública local.

O distintivo, outorgado pola Asociación Forgender Seal, acredita que o Concello superou un proceso de avaliación conforme á normativa estatal, ás competencias municipais e aos estándares internacionais en materia de igualdade e dereitos humanos.

O acto de entrega celebrouse no propio municipio e contou coa participación do representante de Forgender Seal en Galicia, José Manuel Pérez, quen fixo entrega do recoñecemento ao alcalde de San Xoán de Río, José Miguel Pérez Blecua, e á técnica municipal de igualdade, Geanina Lascu, destacando o traballo desenvolvido polo equipo municipal.

Un paso firme desde o rural

A certificación enmárcase na Norma SG CITY 50-50, un sistema que promove a mellora continua nas políticas locais de igualdade, incorporando criterios concretos na estratexia política e operativa dos concellos.

Para un municipio de montaña e de pequena dimensión como San Xoán de Río, este recoñecemento supón un paso firme cara a un modelo de gobernanza que entende a igualdade como ferramenta clave para fixar poboación, xerar oportunidades e fortalecer a cohesión social.

Ademais, a obtención do distintivo permite ao Concello integrarse nunha rede internacional de municipios comprometidos coa igualdade e coa corresponsabilidade nos usos do tempo, favorecendo o intercambio de boas prácticas e a cooperación institucional.

Igualdade como eixo de futuro

Desde o Concello sublíñase que este recoñecemento non é un punto final, senón o inicio dunha nova etapa de traballo orientada a consolidar políticas públicas máis inclusivas, transversais e adaptadas á realidade do territorio.

San Xoán de Río reafirma así a súa aposta por unha nova ruralidade na que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes sexa un piar esencial do desenvolvemento local.

Back to top button