O concello de San Xoán de Río vén de ser galardoado co diploma que o acredita como finalista nos Premios Europeos da Inclusión e a Diversidade durante o Encontro de Sober – Diálogo Rural e Industria da man de Venancio Salcines. O acto, cargado de simbolismo, tiña lugar este 9 de maio e contaba coa presenza do alcalde de San Xoán de Río, quen recibiu o recoñecemento con gran satisfacción.
No seu discurso, o rexedor puxo en valor a singularidade da candidatura de San Xoán de Río, que xunto a Parada de Sil, ambas na Ribeira Sacra, competiron con cidades europeas da magnitude de París, Cracovia ou Zaragoza, subliñando o mérito que supón este logro para os municipios de menor tamaño. Destacou que os proxectos desenvolvidos en Río teñen como eixo central o benestar dos seus veciños e veciñas, especialmente das mulleres, a través de novos modelos de gobernanza participativa onde todas as voces son escoitadas. Estes proxectos son posibles grazas, en grande medida, ao apoio dos fondos da Xunta de Galicia.
O alcalde tamén fixo referencia ao apagón que lle impediu asistir á cerimonia de entrega do premio en Bruxelas xunto a Eva Castro, responsable da candidatura do proxecto. Neste sentido, manifestou a súa especial ilusión por recibir o diploma de mans de Venancio Salcines neste acto celebrado en Galicia.
Para concluír a súa intervención, o alcalde agradeceu enormemente á organización do encontro celebrar o día de Europa a través deste premio que cualificou como un selo de “Galicia Calidade”, e empregou unha emotiva metáfora vitivinícola para expresar o esforzo colectivo que fixo posible este recoñecemento: “Este premio está feito de cada gota de suor dos veciños e veciñas de San Xoán de Río”.