ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

Río súmase ao Observatorio de Intelixencia Artificial e Diversidade para promover unha tecnoloxía máis inclusiva

O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Concello de San Xoán de Río vén de informar de que acaba de formalizar a súa incorporación como entidade colaboradora ao Observatorio de Intelixencia Artificial e Diversidade, unha iniciativa impulsada pola Universitat Politècnica de València (UPV) e INECO, que ten como obxectivo estudar os sesgos no uso da intelixencia artificial, especialmente no ámbito da mobilidade, cun enfoque centrado na diversidade e na inclusión.

“A través dunha adenda ao convenio asinado entre a UPV e INECO, San Xoán de Río convértese nun dos primeiros municipios galegos en sumarse a este proxecto pioneiro, reafirmando así o seu compromiso cun desenvolvemento tecnolóxico ético e respectuoso coa diversidade social”, explica o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez.

Así, no marco desta colaboración, o Concello comprométese a:

“Difundir os formularios de recollida de datos do proxecto entre os seus grupos de interese.

Aportar, como mínimo, dous expertos locais ao Think Tank do Observatorio.

Contribuír con casos de boas prácticas e normativa local en materia de diversidade e intelixencia artificial.

Presentar os resultados da investigación en eventos institucionais e académicos organizados no municipio”.

O alcalde de San Xoán de Río, destaca que esta colaboración “pon de manifesto que dende os pequenos concellos tamén podemos liderar procesos de innovación responsable, achegando unha visión local aos retos globais que presenta a intelixencia artificial”.

Con esta adhesión, San Xoán de Río “consolídase como referente en políticas públicas orientadas á equidade, á inclusión e á sustentabilidade tecnolóxica”, apuntan dende esta administración local.

Back to top button