A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacaba hoxe que a vendima deste ano na Denominación de Orixe (DO) Monterrei “agárdase abondosa e de gran calidade”. Facía estas declaracións na súa visita á bodega Gargalo, na que estivo acompañada polo seu propietario, o empresario téxtil e vitícola Roberto Verino, así como polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menos; polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
“É evidente que o viño galego é economía, paisaxe, cultura e turismo”, dicía a conselleira do Medio Rural, para quen “todo isto elévase á súa máxima expresión nestas terras de Monterrei e en enclaves como esta emblemática adega Gargalo”.
Precisamente, o dono das instalacións, o deseñador Roberto Verino, reivindicaba tamén o carácter “pioneiro” destes viños e “o seu papel decisivo na configuración actual da DO Monterrei”. Afondando nesta liña, Verino destacou que “nos primeiros anos 90, Gargalo foi a adega pioneira na nova viticultura de Monterrei: xunto coas explotacións tradicionais existentes desde mediados do século XX, como a Cooperativa de Monterrei e as adegas Bernabé e Ladairo, Gargalo foi copartícipe en impulsar a creación da actual denominación de orixe”.
Ademais, o coñecido empresario expresou a intención de converter a súa adega “nun escaparate de Monterrei” que explique os seus viños ao mundo. Así, quixo poñer de relevo que “verdades que hoxe parecen universais, como o potencial único no idioma internacional do viño do godello ou do merenzao, tivemos que explicalas unha e mil veces para que se impuxera a cultura da calidade”.

Por outra banda, durante a visita, Luis Menor destacaba o papel que desempeña o sector vitivinícola como “un dos grandes embaixadores da provincia”, pola súa capacidade para xerar actividade económica no rural e, ao mesmo tempo, contribuír á conservación da paisaxe, á promoción turística e á proxección exterior da marca Ourense.
O presidente provincial puxo en valor especialmente o carácter pioneiro de Gargalo na transformación experimentada pola viticultura de Monterrei nas últimas décadas, apostando desde os seus inicios pola calidade e polo potencial das variedades autóctonas.
“Gargalo demostra a capacidade de Ourense para transformar aquilo que nos fai diferentes —o territorio, as variedades autóctonas, a paisaxe e a nosa historia— en calidade, innovación e produtos de alto valor engadido”, sinalou Luis Menor, quen tamén recoñeceu a traxectoria de Roberto Verino e a súa permanente vinculación coa provincia.
Neste sentido, Menor destacou o potencial que ofrece Monterrei para seguir avanzando na conexión entre viño, patrimonio, gastronomía e turismo, aproveitando activos singulares como a propia fortaleza e as adegas da contorna.