
As proximidades da antiga explotación aurífera das Covas do Medo acollen cada mes de agosto boa parte dos actos da Festa do Ouro de Margaride de Lor (Quiroga). Nesta ocasión a celebración está prevista para a xornada do 17 de agosto e volverá congregar nas rúas desta localidade e numerosas persoas representando a castrexos e romanos.
Os actos comezarán, como vén sendo habitual, coa misa en latín na capela da localidade ás 11:30h. e, a partir das 12h., farase a tradicional visita ás adegas coa música de gaiteiros. E xa ás 14:30h. comezará o xantar no campamento castrexo-romano, xunto ás Covas do Medo, a base de polbo e churrasco.
Xa pola tarde haberá xogos entre castrexos e romanos, logo virá a actuación infantil do “Deime, o Mago Castrexo” e a proposta “Na busca do ouro”, tamén para a cativada.
Posteriormente, ás 18:30h. darase paso a unha conferencia na Cova do Medo a cargo de Luís Francisco López González, doutor en Arqueoloxía e natural de Torbeo (Ribas de Sil). O programa continuará coa animación festiva do Dj Kola ás 20h., seguida da cea popular, e xa sobre ás 23h. comezará a “nox terrorem” con rituais celtas e queimada. O broche da celebración porase cunha verbena da man de La Indirigible.
Esta Festa do Ouro será novamente organizada pola Asociación de Veciños de Margaride.
