Son apenas 2,5 km pero está considerado un tramo modélico no trazado da Via Nova, unha calzada construída hai 2.000 anos por Roma para unir dúas urbes da época: Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga). Conserva a súa feitura orixinal no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá.
Dende hai uns anos o Concello de Rubiá aposta pola recuperación desta valiosa estrada imperial, iniciando un proxecto de rehabilitación que, neste outono, poñía en marcha a súa terceira fase co fin de escavar e repoñer un novo treito da vía cun investimento duns 40.000 euros. Este ademais é o único tramo orixinal de vía que se conserva en Valdeorras.
“Contamos cunha axuda conceda pola Consellería do Medio Rural a través do programa Agader de recuperación de patrimonio. Consideramos que a Via Nova é un elemento fundamental, tanto polo seu valor arqueolóxico e patrimonial, como polo feito de estar dentro dun espazo como é o parque natural, por iso a nosa intención é continuar investindo nesta vía”, destaca o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez.
O tramo restaurado nesta terceira fase ten uns 25m e nel, seguindo as actuacións realizadas en anos anteriores, procedeuse a escavar as cunetas orixinais romanas e a descrubir o muro de contención, recrecéndoo pola súa parte posterior, tal e como informa o director da intervención, o arqueólogo Santiago Ferrer.
Fotos e vídeo: O SIL.