Elección galegas 18F - 2024PolíticaÚltima hora

Rueda: “Aspiro a que Galicia siga funcionando e superándose a si mesma a partir do 18 de febreiro”

O candidato do PP á Xunta de Galicia participaba nun mitin no Barco, xunto ao candidato valdeorrés Xosé Manuel Merelles, Luis Menor e Alfonso F. Mañueco

 

Cun Teatro Lauro Olmo cheo por completo de público desenvolvíase a partir das cinco da tarde o mitin do PP no Barco, que contaba coa presenza do candidato popular á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda. O acto abríao a alcaldesa de Carballeda e deputada provincial do PP, María Carmen González, quen se refería ás vindeiras eleccións do 18 de febreiro como a un exame “no que imos examinarnos todos. Pero temos fácil ese exame, tan só temos que ver o que fan os demais e o que temos en Galicia co presidente Alfonso Rueda á cabeza e Valdeorras vai darche unha nota de dez. Valdeorras vai conseguir na próxima lexislatura cousas importantes con Rueda”.

 

 

Deseguido tomaba a palabra Xosé Manuel Merelles, que foi director de Turismo de Galicia, que ocupa o posto número 11 da lista. “Son rues e aínda que resido en Santiago síntome valdeorrés, por iso cando me propuxeron formar parte desta candidatura non o dubidei xa que considero que á a mellor oportunidade para seguir traballando a prol de Valdeorras, a terra onde me criei. Comprométome con esta comarca”. Merelles tamén se refería á “necesidade de superar o illamento ao que nos ten sometido o goberno socialista, a A-76 non está nin se lle espera”.

 

 

Tamén aludía á colaboración “nese illamento do goberno socialista do Barco, que rexeitou unha moción do PP para pedir a mellora da N-120”. Merelles tamén plantexaba o compromiso do goberno de Alfonso Rueda co sector comercio “para que as nosas vilas manteñan ese pulo comercial”, “co sector agrogandeiro, tamén coa xente da montaña e co sector vitivinícola, esa xoia que non deixa de xerar postos de traballo, cos emprendedores, coa infancia… O PP cre na igualdade de todos os galegos e así o demostra. E tamén coa sanidade, si, coa sanidade co noso hospital comarcal á fronte que tanto quere enlamar PSOE e BNG, convocando concentracións en pleno período electoral, mentres no pleno do Barco o goberno socialista vota en contra de construír un heliporto para facilitar o traslado de pacientes enfermos. Así colabora o PSOE co noso hospital. Mentres o BNG reivindica o Centro de Saúde da Rúa, unha obra que Feijóo e Rueda que pronto vai ser unha realidade”. Merelles concluía pedindo unidade, “fai falta que esteamos máis unidos que nunca para que Rueda consiga a maioría absoluta que se merece. O seu compromiso coa comarca está fóra de toda dúbida”.

 

 

Tamén tomaba a palabra no mitin o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que aseguraba que nestes comicios hai dúas opcións “o presidente Rueda ou un multipartito encabezado por unha señora que nunca gobernou. O presidente Rueda ten formación, ten experiencia, ten proxecto… Nada de experimentos, debemos seguir en mans dos mellores”. Outro dos intervintes era o presidente da Junta de Castilla y León, Alfonso Fernández Mañueco, quen afirmaba que “hoxe máis que nunca Galicia necesita a Alfonso Rueda como presidente para ter un futuro mellor”.

Finalmente subíase ao escenario do Teatro Lauro Olmo do Barco o candidato do PP á Xunta, Alfonso Rueda, quen lembraba que se estreaba no cargo cunha visita a Valdeorras no 2022 con motivo das Letras Galegas dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán, así como posteriores viaxes para asistir á feira do viño valdeorresa ou a unha vendima ou para inaugurar un polo de emprendemento, ademais da súa presenza na zona durante o incendio do 2022.

 

Rueda pedía o apoio para “que sigamos tendo esta estabilidade e esta tranquilidade e tamén para seguir sendo optimistas. Teño o mellor equipo, teño o mellor programa para Galicia, que levamos meses pensando, e tomando como base o xa feito, con medidas revisadas polo conselleiro de Facenda para ver se se poden facer. Eu só penso nun pacto coa xente á que lle pido confianza”.

Ademais reivindicouse con orgullo como un “político xestor fronte a aqueles que consideran absurdo e unha perda de tempo dedicarse a administrar ben os cartos da xente para facer cousas”. E acto seguido explicou a “diferenza entre os políticos que cumpren co que prometen e aqueles que só fan promesas”. Algo para o que tomou de exemplo o acontecido nos incendios que afectaron á comarca de Valdeorras hai dous anos. “Pedro Sánchez veu de mala gana e a prometer axudas para os damnificados. Sen embargo, mentres que as axudas do Goberno galego estaban convocadas á seguinte semana e comezaron a pagarse tres meses despois, as que prometeu Sánchez seguen sen pagarse dous anos despois”, dicía.

 

Tamén se refería Rueda aos “bos datos de emprego, endebedamento, exportacións, educación, axudas aos maiores e apoio ás familias avalan a xestión feita nestes anos”, pero mostrouse inconformista e por iso aspira “a que Galicia siga funcionando e superándose a si mesma” a partir do 18 de febreiro. “A miña primeira e única motivación é servir a Galicia e que sigamos mellorando”, asegurou ao tempo que trasladaba o seu desexo de ser “un presidente de todos e a favor de todos”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button