Polo Canón do Río Mao discorría unha fermosa andaina, que fusionaba natureza, patrimonio arqueolóxico e deporte na mañá do 29 de setembro. Unhas trinta persoas chegadas dende diferentes puntos de Galicia tomaban nesta iniciativa do programa de promoción dos valores naturais, culturais e gastronómicos financiada polo GDR Sil-Bibei-Navea dentro do programa “Sábeme a… Parada de Sil”.
A actividade principiaba ás 9h. en San Lourenzo de Barxacova, onde os participantes eran recibidos polo alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, quen lles daba a benvida e presentaba o programa da xornada. A partir de aí comezaba a ruta propiamente dita, guiada e interpretada por Gemma (Surbia Natura). Trátase dun percorrido circular duns 12,5 km cuxos puntos de partida e chegada en San Lourenzo de Barxacova.
“Esta ruta ofrece un patrimonio arqueolóxico moi potente, vinculado á necrópole altomedieval de San Vítor de Barxacova e tamén á cova onde aparece á espada de Forcas, da Idade do Bronce. Ademais está o aproveitamento hidroeléctrico da canle vella, que hoxe está integrada nesta ruta na que tamén se pode ver a canle nova que está en funcionamento e onde está o desvío de auga do río Mao”, explica Gema Seara.
Outro dos atractivos deste percorrido é o impresionante patrimonio natural que ofrece ao camiñante, “con elementos como a Penalonga, a fervenza, o Souto de Meder…”, engade a guía. Xa no camiño de volta, destacaba tamén “o cruceiro de época moderna da parroquia de Forcas e o bidueiro centenario ao carón do cemiterio”.
Esta andaina concluía cunha degustación de produtos locais que se realizaba en Casa Mercedes, local rexentado por Emilio que, xunto co seu equipo, preparou unha serie de petiscos con diversos produtos de caliade e da zona. Non faltaban os embutidos, xunto con outras propostas como croquetas con castañas, empanada, bica, licores da Ribeira Sacra…
A xornada completábase na Casa Museo do Chocolate de Teimende, unha visita guiada por Manuela Gómez, do persoal técnico de turismo do Concello de Parada de Sil, na que os asistentes ademais de descubrir a cultura local ligada a este alimento tamén podían mercar tabletas para probalo.
Fotos cedidas.