Lembrando ás persoas que emigran por falta de oportunidades, “máis de 200 persoas só dende que comezou esta campaña o pasado xoves”, comezaba a súa intervención o cabeza de lista ao Congreso por Ourense, David Bruzos, no acto celebrado por esta formación na mañá do 12 de xuño na Alameda da cidade das Burgas. E resaltaba que “o día 26 imos sair á rúa a darlle a benvida a casa ás miles de persoas que se marcharon nos últimos anos do noso país e polos que traballaremos sen parar. Hai Marea”.
Xunto a el participaban neste acto, presentado polo concelleiro de Ourense en Común, Martiño Vázquez; a número 2 de En Marea ao Congreso, Sofía Díaz; a candidata ao Senado, Pilar Barros; o presidente do Partido Comunista de Galicia e membro de Esquerda Unida, Manuel Peña-Rey, a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, e a candidata ao Congreso por Unidos Podemos, Carolina Bescansa, que amosaba a súa satisfacción por estar en Ourense.
Bescansa centraba o seu discurso na corrupción, no clientelismo e na crise económica. Expoñía as medidas que pretende aplicar En Marea e incidía en que “o cambio é irreversible porque o 20D fomateamos o sistema político e agora imos a darlle a RESET, imos reiniciar co voso apoio todo o traballo”. Pola súa banda, Sofía Díaz propoñía “un goberno para a maioría, para acidadanía agredida, para a xente do común”, mentres que a cabeza de lista ao Senado, Pilar Barros, revindicou a importancia da Cámara Alta para facer reformas fundamentais para o futuro da xente. “O Senado parece unha cámara con pouca relevancia pero é de vital importancia pra calquera reforma política de profundidade, incluída a constitucional”, dicía.
Interviñan asemade Antón Sánchez, deputado autonómico de AGE, quen se amosaba especialmente crítico co presidente da Xunta de Galicia; e a secretaria xeral de Podemos Galicia, quen reivindicaba o papel das mulleres na política. Ademais Manuel Peña-Rey aludía aos grandes desafíos do momento actual e aseguraba que “En Marea é a única candidatura galega con capacidade para resolver moitos destes problemas. Dende os problemas globais ata os locais”.