
O Concello do Barco vén de sacar a licitación as obras de reparación e execución de escolleras na estrada de Soulecín a Castro de Vilariño. O orzamento establecido para este proxecto é de 275.000 euros, as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o día 16 de xaneiro, e o prazo de execución dos traballos será de cinco meses.
O camiño que une as localidades de Soulecín e Castro de Vilariño cruza o Caborco da Moxena nas proximidades do núcleo de Castro de Vilariño. “Este punto da estrada, afectado polos incendios que arrasaron a comarca de Valdeorras no verán do ano 2022, e logo polas fortes tormentas do inverno do ano 2023, sufriu graves danos a consecuencia dos arrastres de terras rexistrados nesta estrada, provocando a rotura do pavimento en varios tramos da vía. En concreto, debido á obstrución das conducións que permiten o cruce do Caborco da Moxena, producida polos arrastres, a auga discorreu sobre a calzada, causando o desmoronamiento dos taludes adxacentes e da calzada que sostiñan. De feito, algún dos tramos da estrada desapareceu por completo, imposibilitando a circulación pola mesma e supoñendo un perigo para os seus usuarios”, tal e como indica o Concello.
Dada a escasa anchura das rúas do pobo de Castro de Vilariño, esta é a única vía de acceso con vehículos de gran envergadura tanto á localidade de Castro de Vilariño como á de Vilariño, polo que o corte desta estrada supón un gran prexuízo para os habitantes destes núcleos.
As obras teñen por obxecto a estabilización dos taludes da estrada que une Soulecín con Castro de Vilariño “mediante a execución dun paso sobre o Caborco da Moxena, un dique para estabilizar a calzada afectada, unhas aletas de protección na saída do Regueiro de Mourela, e a reposición do terreo afectado así como a limpeza e rasanteo do terreo e a cuneta desta vía. Procederase tamén ao hormigonado da cuneta e á limpeza e reforzo da drenaxe transversal da calzada, así como á reposición do firme da calzada en mal estado”, seguindo a información do Concello.
Para a execución do pontón sobre o Caborco da Moxena, optarase pola colocación dun marco de formigón prefabricado que “facilite a rápida execución do mesmo. O pontón proxectouse tendo en conta o sinalado no Plan Hidrolóxico da conca Miño-Sil e terá unha luz de 2,50 m., a fin de deixar libre o leito. Os traballos comezarán coa limpeza e roza do terreo afectado polas obras, retirando a maleza e arboleda afectados polos arrastres e avenidas, e co rasanteo do terreo para deixalo no estado anterior aos desbordamentos do arroio. A continuación, procederase á limpeza dos sistemas de drenaxe actuais, e á execución dun camiño provisional para permitir o acceso á maquinaria necesaria para a súa construción”, citando ao Concello do Barco.
Dadas as dimensións da maquinaria necesaria para a execución das obras, será preciso acceder pola estrada de Soulecín, polo que para iso comezarase coa execución do dique para estabilizar o terreo e poder circular sobre a mesma e acceder á zona onde se executará o paso sobre o Caborco da Moxena.
Durante a construción do pontón, previuse a execución dun desvío provisional, a fin de afectar o mínimo posible ao leito durante o transcurso das obras. Por último, no paso existente sobre o Regueiro de Mourelas, protexeranse os taludes laterais da estrada mediante diques á saída do cruzamento existente.
A continuación, procederase á limpeza e rasanteo das cunetas e as marxes adxacentes da estrada, e se hormigonará a cuneta para facilitar a evacuación das augas e evitar que estas sigan erosionando o terreo. Realizaranse así mesmo conducións de drenaxe transversal para alivio das augas. Finalmente, procederase a restituír a calzada con danos, coa colocación dunha laxa de formigón na zona da calzada situada sobre o paso do Caborco da Moxena, para evitar o repise do terreo nestes puntos, e seguirase logo co rasanteo e nivelado da calzada e o estendido dunha rega de imprimación e unha capa de asfaltado. Por último, colocaranse barreiras de protección sobre os diques e pintaranse as marxes da calzada, tal e como apunta o Concello do Barco.