
O Concello de San Xoán de Río vén de activar un dispositivo preventivo especial ante a alerta laranxa por nevadas decretada para o venres 23 de xaneiro tanto por AEMET como por MeteoGalicia, que prevén acumulacións superiores aos 20 centímetros de neve na montaña de Ourense e neste concello.
Segundo a información oficial dispoñible, as nevadas poderían comezar esta mesma madrugada, arredor da 01:00 horas, o que podería afectar de maneira significativa á mobilidade e aos servizos básicos, especialmente nun concello de montaña.
Ante esta situación, o Concello reuniu hoxe o seu Comité de Crise, no que se acordaron unha serie de medidas preventivas co obxectivo de garantir a seguridade da veciñanza e a continuidade dos servizos esenciais.
Entre as decisións adoptadas destacan, segundo informa o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez:
Servizos mínimos no Concello durante a xornada do venres.
Teletraballo prioritario para o persoal de oficina, sempre que sexa posible.
Operarios municipais dedicados prioritariamente á atención de emerxencias, seguridade viaria e servizos básicos.
Garantía do funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), priorizando o traslado das traballadoras aos domicilios das persoas usuarias.
Coordinación permanente con Protección Civil e outras administracións competentes.
Desde o Concello recoméndase evitar calquera desprazamento que non sexa estritamente necesario, especialmente ás persoas que se desprazan a San Xoán de Río durante a fin de semana, e seguir en todo momento a información oficial emitida por AEMET, MeteoGalicia e polos canles institucionais municipais.
O Concello continuará avaliando a evolución do episodio meteorolóxico e informará puntualmente de calquera novidade ou medida adicional en función de como evolucione a situación e pide “prudencia, prevención e responsabilidade”