
San Xoán de Río celebrará este venres e sábado, 13 e 14 de novembro, o Festival Río Lonxevidade, unha cita que combinará coñecemento, participación veciñal, cultura e tradición arredor dunha lonxevidade máis humana, saudable e compartida. Organizado e impulsado polo Concello e financiado pola Deputación de Ourense, trátase dun proxecto que vincula o envellecemento saudable, o desenvolvemento rural e a mellora dos servizos de proximidade.
O festival desta fin de semana será un punto de encontro coa veciñanza. A programación comezará o venres ás 20 horas, no salón de plenos do Concello, coa entrega do Premio Río Lonxevidade á doutora Graciela Estela Varela, en recoñecemento “á súa traxectoria no ámbito da lonxevidade saudable e da prevención do deterioro cognitivo”. Ás 20:30 horas, no mesmo espazo, Entre_Nós e Starbien presentarán o Living Lab Río Lonxevidade, un programa orientado a medir e mellorar a lonxevidade emocional no municipio.
O sábado, de 9 a 11 horas, o salón de plenos acollerá o Foro Río Lonxevidade, dedicado á innovación social na lonxevidade rural e cun panel interactivo moderado por UseMe4U. A continuación, de 11 a 11:30 horas, o doutor Gustavo Cajiao conducirá o encontro participativo “Longevidad Emocional”, centrado na xestión das emocións, na adaptación aos cambios da vida e no fortalecemento do benestar emocional e da saúde mental.
Ás 12 horas, a actividade trasladarase á praza Gabino Rodríguez para inaugurar o “Parladoiro da Convivencia”, un banco-escultura de Cándido Caneiro “Canier”. A peza simboliza o encontro, a memoria e os vínculos entre quen vive en San Xoán de Río, quen se foi e quen chega, unidos polas súas raíces, as súas historias e o desexo de compartir o futuro do pobo.
Neste mesmo espazo, ás 12:15 horas, D’Ariya Danza Tribal Fusión ofrecerá unha coreografía ao ritmo de De Lonxe, de Emilio Cao, como homenaxe ás persoas que parten, ás que chegan e ás que constrúen un novo fogar lonxe das súas raíces. Ás 12:30 horas presentarase “Río Convive”, un proxecto de Entre_Nós que nace en San Xoán de Río para medir, mellorar e poñer en valor a convivencia no rural.
Pola tarde, o polideportivo municipal acollerá ás 16 horas o encontro vivencial “A vida en 6 estacións”, un percorrido participativo para activar a memoria, conectar coas emocións e fortalecer as relacións. O peche do festival chegará ás 17:30 horas co Magosto 2026, tamén no polideportivo, con castañas, chourizos, panceta, bica, pan e viño, e coa actuación musical de Son do Sil.
A través desta programación, o Concello de San Xoán de Río conecta a participación veciñal co intercambio entre territorios para avanzar en propostas que melloren o benestar, reforcen a convivencia e dean resposta ás necesidades dos coidados no medio rural.