ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

San Xoán de Río organiza un “Amigo Invisible Municipal” para celebrar o día de Reis

 

O Concello de San Xoán de Río pon en marcha este Nadal unha iniciativa participativa aberta a toda a veciñanza: o Amigo Invisible de Reis, unha proposta sinxela e accesible que busca fomentar a convivencia, a ilusión compartida e o espírito comunitario no municipio.

A actividade está aberta a persoas de todas as idades e establece un orzamento máximo de 10 euros por regalo, co obxectivo de facilitar a participación de toda a poboación. As inscricións poderán realizarse no Concello ata o 30 de decembro. O día 31 comunicarase a cada participante a persoa á que lle corresponde facer o regalo.

Os regalos deberán entregarse no Concello ata o 5 de xaneiro, e a entrega final terá lugar o 6 de xaneiro, Día de Reis, nun acto que servirá tamén como punto de encontro veciñal. O lugar concreto da entrega comunicarase nos días previos en función das condicións meteorolóxicas.

Desde o Concello destácase que esta iniciativa pretende “poñer en valor os pequenos xestos, fortalecer os lazos sociais e demostrar que no rural tamén se innova en participación e convivencia, especialmente en datas tan sinaladas como o Nadal”.

O Concello anima a toda a veciñanza a participar e a facer do Amigo Invisible de Reis unha nova tradición comunitaria en San Xoán de Río.

Back to top button