
Santoalla, no concello de Petín, vén de ser recoñecida como Lugar de Interese Cinematográfico (LIC) 2026 pola Academia Galega do Audiovisual. A pequena aldea do interior ourensán foi o escenario no que Chano Piñeiro rodou en 1989 “Sempre Xonxa”, unha das películas fundamentais da historia do cinema galego e unha das tres longametraxes que abriron o camiño da ficción cinematográfica en Galicia e en lingua galega.
O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de Petín, Amancio Díaz Jiménez, recollía o 30 de setembro en Ourense o recoñecemento a Santoalla, nun acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel da cidade de Ourense dentro do X Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península Ibérica. Este evento tamén se enmarca na celebración do OUFF-Ourense Film Festival.
A rodaxe de “Sempre Xonxa” converteu Santoalla en Trasdomonte, a localización ficticia na que se desenvolve a historia. O equipo de Chano Piñeiro traballou ao longo das catro estacións do ano, aproveitando as paisaxes, as casas e a propia realidade da aldea para recrear diferentes décadas e representar a vida do interior galego durante o século XX.
Máis de tres décadas despois, Santoalla conserva a pegada da película e da súa rodaxe e pasa a formar parte da rede de Lugares de Interese Cinematográfico impulsada polas Academias de Cine e Audiovisual da Península, que busca recoñecer espazos singulares pola súa relación coa historia e coa memoria do audiovisual.
Oito novos espazos para a memoria cinematográfica
A presentación dos LIC 2026 o 30 de setembro en Ourense ás oito Academias participantes no X Encontro: Academia de Cine de Andalucía, Academia del Cine Aragonés, Academia del Cine Asturiano, Acadèmia del Cinema Català, Academia de Cine de Extremadura, Academia Galega do Audiovisual, Academia Portuguesa de Cinema e Academia Valenciana de l’Audiovisual.
Xunto a Santoalla, a nova edición incorpora espazos moi diversos vinculados á historia audiovisual dos diferentes territorios. Andalucía recoñece Sevilla, unha cidade que se converteu ao longo das décadas nun escenario cinematográfico de dimensión internacional, con localizacións como o Real Alcázar ou a Praza de España, presentes en títulos como Lawrence de Arabia ou Star Wars: Episodio II – O ataque dos clons.
Aragón incorpora o Palacio da Aljafería de Zaragoza, unha das grandes xoias do patrimonio aragonés, escenario de producións como Ramón y Cajal: historia de una voluntad, Miguel Servet, la sangre y la ceniza, El Cid ou Vampire Academy. En Asturias, o recoñecemento recae en Somiedo, territorio de gran riqueza natural e etnográfica que acolleu rodaxes como ¿Para qué sirve un oso?, Alma ou, máis recentemente, Los Juegos del Hambre: Amanecer en la Cosecha.
En Cataluña, o novo LIC pon o foco nas periferias urbanas de Barcelona, concretamente nos barrios de Bellvitge e La Mina, vinculados á memoria do cine quinqui e a películas como Perros callejeros, Yo, El Vaquilla ou Tapas, ademais de producións posteriores como Biutiful ou REC 4. Extremadura incorpora a Plaza Alta de Badajoz, espazo do casco histórico presente en títulos como La guerra empieza en Cuba, Lisboa ou Un novio para Yasmina.
Pola súa parte, Portugal recoñece Sintra, territorio de enorme riqueza paisaxística e patrimonial que serviu de escenario a películas como A novena porta, A casa dos espíritos ou Misterios de Lisboa. Finalmente, Valencia incorpora Benidorm, unha das paisaxes turísticas máis recoñecibles do Mediterráneo e escenario de producións como Benidorm, Nieva en Benidorm, El Inmortal ou Las largas sombras.
Con estas novas incorporacións, a rede de Lugares de Interese Cinematográfico continúa medrando como un proxecto común das Academias, que busca poñer en valor os espazos que, pola súa presenza nas películas e producións audiovisuais, forman parte da memoria cinematográfica dos diferentes territorios.

O X Encontro de Academias reúne en Ourense ás entidades da Península
A presentación dos novos LIC forma parte do programa do X Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península Ibérica, que se celebra estes días en Ourense organizado pola Academia Galega do Audiovisual no marco do Festival de Cine de Ourense (OUFF) co apoio da Deputación de Ourense.
A décima edición reuniu ás Academias de Andalucía, Aragón, Asturias, Cataluña, Extremadura, Galicia, Portugal e Valencia para compartir experiencias, identificar retos comúns e establecer novas vías de colaboración entre as institucións do sector audiovisual.
O encontro inclúe tamén actividades abertas á cidadanía, como a exposición que reúne no Centro Cultural Marcos Valcárcel os principais galardóns das Academias participantes, visitable de forma gratuíta ata o 5 de outubro.
Fotos: Aigi Boga.
Vídeo: Academia Galega do Audiovisual.
